Chanzos en branco e negro
Piano interactivo
Prema nas teclas para soar
Explora
1. En busca do patrón
- Sabes que os teclados dos pianos teñen teclas brancas e negras, pero, sabes cal é a súa distribución?
- Observa o teclado, es capaz de atopar un patrón que se repite?
- Cando sobes unhas escaleiras, esperas que entre chanzo e chanzo haxa a mesma distancia?
- No seguinte apartado atoparás pistas que che axudarán a comprender a que se debe o patrón das teclas negras.
2. A escala máis popular
Coñeces a sucesión de notas Do, Re, Mi, Fa, Sol, La Si, Do´ case tan ben como os nomes dos teus compañeiros e compañeiras de clase, pero a escala de Do Maior garda segredos que seguramente aínda non coñeces:
- Esta escala serve de modelo para todas as escalas maiores.
- A distancia entre notas mídese en tons e semitóns, pero non hai a mesma entre todas elas.
- Para tocala no piano só precisas premer teclas brancas.
- Entre as notas consecutivas da escala a distancia é de 1 ton, salvo entre Mi-Fa e Si-Do, que están separadas por 1/2 ton ou semitón.

3. A, B, C... ou La, Si, Do...
Observaches algunhas letras do abecedario sobre as teclas do piano interactivo, non si?
Eses nomes das notas que tan ben coñeces non se chaman igual nos países que utilizan o sistema de notación musical anglosaxón, de base alfabética:
A B C D E F G
La Si Do Re Mi Fa Sol
- Con todas estas pistas, es quen de localizar o Do no teclado? Efectivamente, o Do (C) está xusto antes das dúas teclas negras!
- Se segues a tocar as teclas brancas chegas ao Mi e ao Fa. Agora xa sabes que o motivo de que non exista unha tecla negra entre Mi - Fa é que a distancia é dun semitón ou medio ton.
- Sigue a orde das notas nas teclas brancas e chegas a Si e Do, tamén cunha distancia de semitón e sen tecla negra entre elas.
- E cando premes as teclas negras, que notas soan? Terás que seguir adiante... queda moito por descifrar!
4. Un piano atronador
Pensas que un piano perfectamente afinado pode soar mal?
- Toca a escala de Do Maior amodiño e suave.
- Agora, preme as teclas ao chou (brancas e negras) moi rápido e forte.
Cal das dúas situacións che lembra máis ao concepto de contaminación acústica?
Por que cres que os sons agradables do piano poden resultar molestos e chegar a provocar cansazo e incluso dor de cabeza?
Pensas que ten algo que ver a falta de organización ou estrutura?
Lectura facilitada
En busca do patrón
- Os pianos teñen teclas brancas e negras cunha distribución concreta.
A escala máis popular
- Seguro que coñeces estas notas: Do, Re, Mi, Fa, Sol, La, Si, Do’.
- Esta escala chámase escala de Do Maior.
- A distancia entre notas mídese en tons e semitóns, pero non é sempre a mesma.
- Entre case todas as notas que van seguidas hai 1 ton de distancia. Pero hai dúas excepcións:
Entre Mi - Fa e Si - Do hai só medio ton ou semitón.

A, B, C ou La, Si, Do
- Nalgúns países úsanse letras para nomear as notas musicais.
- O sistema é o seguinte:
A B C D E F G
La Si Do Re Mi Fa Sol
- Con todas estas pistas, es quen de localizar o Do no teclado?
- Efectivamente, o Do (C) está xusto antes das dúas teclas negras!
Un piano atronador
- Toca a escala de Do Maior amodiño e suave.
- Agora, preme as teclas ao chou (brancas e negras) moi rápido e forte.
- Cando se tocan notas musicais moi forte e sen orde, prodúcese contaminación acústica.

