3.2. Guía da nosa lingua e da fala de cada quen

 

Glosario

A fala

Pictograma que representa a un dialecto ou fala

Definición:

Sinónimo de dialecto en galego como unha variante dialectal da lingua normativa en Galicia. Tamén se lle chama fala á variante dialectal galega falada nunha zona de Estremadura.

Exemplo:

A miña fala non ten por que ser peor que a falada no telexornal da TVG. 

Bloque dialectal

Pictograma variedades dialectais

Definición:

É unha agrupación lingüística complexa  que atende á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciados das falas galegas. 

Exemplo:

O substantivo "pantalois" é un vocábulo que pertence ao bloque dialectal no leste de Galicia. 

Camiño Francés

Pictograma da peregrinación a Santiago de Compostela

Definición:

Este é o camiño máis coñecido dende Europa e un dos obxectivos a lograr como experiencia cultural ou relixiosa.

Exemplo:

O Camiño Francés atravesa os Pirineos e entra en Galicia polo Cebreiro

Códice Calixtino

Imaxe do Códice Calixtino

Definición:

Este é un libro antigo, coñecido en latín como "Liber Sancti Jacobi" e en galego como Libro de Santiago. É a guía referencial do mundo xacobeo e o máis antigo, centrado exclusivamente na peregrinación a Santiago de Compostela.

Exemplo:

O exemplar máis antigo do Códice Calixtino consérvase na catedral de Santiago de Compostela.

Dialectalismo

Pictograma que representa diferentes variedades dialectais

Definición:

Vocábulo ou termo propio dun dialecto que se afasta da lingua considerada estándar.

Exemplo:

O dialectalismo é un fenómeno normal en sociedades afastadas, numerosas e con diferencias culturais distintas.

Galego normativo ou estándar

Pictograma que representa diferentes variedades dialectais

Definición:

Esta foi a norma que se acordou de todas as variantes dialectais que se falan en Galicia e é a que se aspira a empregar nos medios de comunicación, administración e educación.

Exemplo:

Na Lama fálase un galego máis normativo. 

Imperativo

Imaxe que representa o imperativo con instrucións

Definición:

Tempo verbal que se utiliza para indicar, sobre todo, orde, mandato ou súplica.

Exemplo:

Na frase "Fai os deberes", "Fai" está en imperativo.

Intendencia

Pictograma que representa a intendencia

Definición:

Abastecemento, organización e administración dunha casa, escola etc.

Exemplo:

Na maioría das escolas sempre foi a dirección a encargada da intendencia.

Como son as guías?

Códice Calixtino

Prepárate porque vas coñecer outro tipo de texto instrutivo: a guía.

Unha guía de viaxe é un tipo de texto instrutivo que busca axudarnos a coñecer mellor un lugar e a movernos por el. Pode conter mapas ou planos para chegar a lugares sinalados, recomendacións de lugares para visitar e ata curiosidades culturais, xeográficas... Un exemplo de guía podería ser o Códice Calixtino, unha das primeiras guías do Camiño de Santiago.

As partes dunha guía son:

Introdución

A introdución debe ter un título atractivo, colorido e cun formato especial.

Descrición do destino

Deberase engadir unha información xeral en positivo do destino para atraer a atención.

Como chegar ao destino

As indicacións poden estar incluídas nun mapa realista a escala ou esbozo con instrucións.

Actividades e atraccións

Fotos e pequenas descricións das actividades e atraccións do lugar. 

Intendencia / Organización

Todo tipo de información sobre: aloxamentos recomendados, comidas típicas, restaurantes e transporte local.

Contacto e axuda

Por último, normalmente inclúense consellos de seguridade e información de contacto de emerxencia.

As características técnicas que adoitan ter son:

Linguaxe

Clara e precisa

Oracións curtas: "Segue as frechas amarelas, logo anota no mapa"

Os verbos son verbos no presente, no infinitivo ou instrucións no imperativo.

Verbos no presente: "Podedes comer no albergue".

Ordes no imperativo: "Comede no albergue"

Verbos no infinitivo rematados en -ar, -er, -ir: "A comer no albergue!"

Marcadores

Ordenación temporal cronolóxica

primeiro, primeiramente, en primeiro lugar, logo, despois, mentres, a continuación, aínda, etc.

Marcas gráficas para indicar diferentes pasos

números, frechas e moitos máis.

Deseño

Formato de texto

Ás veces aparecen letras grosas ou de tamaño diferente.

Axuda gráfica

A miúdo o texto inclúe: fotografías, debuxos ou diagramas.

Vas ver unha guía turística que percorren a maioría dos peregrinos atravesando a nosa terra. Neste caso trátase do Camiño de Santiago Francés. Moita xente non o sabe, pero ao chegar a Galicia os peregrinos pasan tamén por variedades distintas de fala do galego. Neste apartado ti tamén aprenderás sobre iso.

Fíxate nas imaxes, unha é un mapa e outra é unha guía turística do Camiño de Santiago.  Se percorres o mapa descubrirás tres formas de falar distintas en Galicia. Vas aprender o que é o dialectalismo. 

Preme nas imaxes para amplialas.

Mapa do dialectalismo
Guía do dialectalismo

Lectura facilitada

Aquí temos outro tipo de texto instrutivo: a guía.

Unha guía de viaxe axúdanos a coñecer mellor un lugar e a movernos por el.

Pode conter mapas ou planos para chegar a lugares sinalados.

Tamén pode conter recomendacións de lugares para visitar.

Pode conter ata curiosidades culturais, xeográficas etc.

Un exemplo de guía podería ser o Códice Calixtino.

Esta foi unha das primeiras guías do Camiño de Santiago.

As partes dunha guía son:

  1. A introdución, cun título atractivo, colorido e cun formato especial.
  2. A descrición do destino, cunha información xeral en positivo para atraer á xente.
  3. Como chegar con indicacións ou instrucións, incluídas nun mapa, plano ou esbozo.
  4. Actividades e atraccións do lugar con pequenas fotos ou descricións. 
  5. A organización da viaxe ou ruta sobre aloxamentos recomendados.
  6. E por último, tamén un contacto, axuda ou consellos de seguridade.

Imos ver unha guía turística.

A maioría das persoas peregrinas atravesan a nosa terra

por este Camiño Francés a Santiago de Compostela.

Tamén percorren as súas variedades distintas de fala do galego.

Fíxate nas imaxes, unha é un mapa do Camiño de Santiago co mapa incluído. 

A outra é unha guía turística do Camiño de Santiago co mapa incluído. 

Percorre esa ruta e descubrirás tres formas de falar distintas en Galicia.

Aprenderás o que é o dialectalismo

As características técnicas que adoitan ter son:

  • Linguaxe clara e precisa.

Oracións curtas: "Segue as frechas amarelas, logo anota no mapa".

Os verbos poden ser de tres tipos:

Verbos no presente: "Podedes comer no albergue".

Ordes no imperativo: "Comede no albergue".

Verbos no infinitivo rematados en -ar, -er, -ir: "A comer no albergue!".

  • Os marcadores poden:

Indicar orde temporal e cronolóxica como:

- Primeiro, primeiramente, en primeiro lugar, entre outros.

- Ser marcas gráficas para amosar diferentes pasos

como "números, frechas, puntos e moitos máis." 

  • O deseño ten que ser con:

Un formato de texto con letras grosas ou de tamaño diferente.

  • Por último, debe ter unha axuda gráfica.

O texto a miúdo inclúe:

Fotografías, debuxos ou diagramas.  

Vas ver unha guía turística.

Esta guía é percorrida pola maioría dos peregrinos atravesando a nosa terra. 

Este camiño é o chamado Camiño de Santiago Francés.

Moita xente non o sabe,

pero ao chegar a Galicia as persoas peregrinas

pasan por variedades distintas de fala do galego.

Neste apartado ti tamén aprenderás sobre iso.

Preme nas imaxes para amplialas.

A diversidade polo Camiño Francés de Santiago

Todas as viaxes teñen un comezo, e a túa comeza en Europa. Ao longo do Camiño de Santiago, foron chegando a España e a Galicia moitas palabras e influencias doutros países. Palabras de orixe inglesa, xermánica e tamén de Francia (camiño en azul no mapa de abaixo). 

O noso país comprende varias nacionalidades e idiomas recoñecidos. A súa diversidade é unha riqueza cultural a protexer, xa que as linguas deféndense falándoas. 

Aquí tes un mapa interactivo en lingua alemá. Nel podes descubrir todas as linguas e países polos que pasan camiños ata Santiago dende o continente europeo. Incluso hai camiños dende as illas británicas!

Só tes que facer clic nas distintas zonas.

Lectura facilitada

En Europa, as linguas viaxaron a través dos camiños.

As diferentes rutas do Camiño de Santiago trouxeron diversidade cultural.

A nosa lingua enriqueceuse con palabras doutros idiomas.

Podes consultar o mapa interactivo e descubrir outros lugares.

Serías quen de adiviñar algúns dos países que aparecen neste mapa? 

  • Primeiro tenta falar cunha compañeira ou compañeiro dos países que coñeces. Tentade adiviñalos e anotalos.
  • Logo, arrastra cada país ao seu lugar. 

Fíxate que o mapa facilita os nomes oficiais dos países en galego e tamén na súa lingua propia. 

Comproba os países que acertaches coa outra persoa.







Pódense adiviñar moitos países do mapa porque teñen maneiras de escribirse parecidas á nosa, como por exemplo:

"FRANKREICH",  Francia, ou "ITALIEN", Italia.

Outros países teñen formas de escribirse moi distintas á nosa e non se adiviñan. Aquí tes algúns:

"Deutschland"

Alemaña, onde falan alemán.

"Österreich" 

Austria, país limítrofe onde falan alemán tamén.

"Schweiz"

Suíza, facendo fronteira con Alemaña e onde falan catro linguas: alemán, italiano, francés e romanche. 

Imaxínate que ese mapa podería estar tamén en italiano, en inglés ou en galego.

Que diverso é o camiño! Hai moreas de países polos que pasa. Ao entrar en Galicia de seguro vas atopar un feixe de xente distinta que o está a percorrer. Xentes que teñen uns sons e unhas falas diferentes, como o portugués ou o castelán. Por outro lado, hai outras persoas que non ides entender nada por ter unhas linguas alleas á nosa, como o francés, alemán ou inglés. Pero estas linguas non teñen por que impedir a vosa comunicación e comprensión. 

Fíxate agora que no mapa podes ver en vermello o Camiño Francés.

Sabías que cando percorras o Camiño de Santiago por Galicia atoparás 3 formas de falar galego distintas?

Se dás ben os teus pasos, en moi pouco tempo poderás recoñecer as distintas variantes dos bloques dialectais do galego. 

Lectura facilitada

Que diverso é o camiño! Hai moreas de países polos que pasa.

Ao entrar en Galicia vas atopar un feixe de peregrinos e peregrinas que o están a percorrer.

Son xente que teñen uns sons e unhas falas diferentes, como o portugués, castelán e os dialectos.

Outras que non ides entender nada por ter unha lingua allea á nosa, como o francés, o alemán e o inglés. 

Pero, estas linguas non teñen por que impedir a vosa comunicación. 

Fíxate que no mapa podes ver en vermello o Camiño Francés.

Percorre Galicia por esta guía e verás 3 formas de falar distintas.

Vai amodo e en pouco tempo coñecerás as variedades dos bloques dialectais do galego. 

Recorda

Antes desta viaxe, imos coñecer un pouco máis do que significa a palabra "dialectalismo". Para iso, temos que saber a diferencia entre lingua e dialecto (que tamén podemos chamar fala).

Lingua e Dialecto

A lingua 

É un código verbal usado polas persoas dunha sociedade. Ademais, conta cunha serie de elementos e regras que a organizan. 

O dialecto

É un sistema lingüístico que deriva doutra lingua. 

Exemplos

As linguas da Península Ibérica son:

Na Península Ibérica fálanse as linguas: castelán, galego, éuscaro, catalán (tamén falado en Andorra), portugués (en Portugal) e inglés (falado en Xibraltar).

Os dialectos do Castelán en América son: 

O español falado en América como: o español de Arxentina, de Chile, de Venezuela, de México etc.

Lectura facilitada

Antes desta viaxe, imos coñecer un pouco máis da palabra "dialectalismo".

Para iso, hai diferencia entre lingua e fala ou dialecto. 

Coñeces a diferencia entre linguas e dialectos? 

Primeiro, comentade en grupo as posibles respostas. 

  • Estes son algúns exemplos: 

As linguas da península ibérica son:

o castelán, galego, portugués, éuscaro,

catalán e inglés en Xibraltar

Os dialectos do Castelán en América son: 

Español de Arxentina, de Chile, de Venezuela, de México etc 

  • Esta é a definición de cada unha:

A lingua é un código verbal 

usado polas persoas dunha sociedade.

Ademais, conta cunha serie de elementos

e regras que a organizan. 

O dialecto é un sistema lingüístico

que deriva doutra lingua. 

Páxina 12 de 45

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)