Hall of fame: O legado da Axencia S.A.U.D.E
Durante estas semanas, recolliches información vital sobre como combater ao Sedentor: técnicas de desenvolvemento da condición física, coidado do corpo, primeiros auxilios... e todo ese coñecemento estratéxico quedou plasmado na túa Guía de Supervivencia. E o resto dos teus compañeiros e compañeiras fixeron o mesmo!
Por iso, desde o Alto Mando, decidimos que esta información é demasiado valiosa para quedar oculta nos nosos arquivos confidenciais. Decidimos seleccionar as mellores guías para que sexan publicadas e enviadas a toda a poboación mundial, proporcionando así unha ferramenta definitiva para que cada cidadán poida defenderse e saiba como actuar en caso de futuros ataques coma o do Sedentor.
Para facer unha escolla correcta, queremos pedirche a túa colaboración. Así, entre todos seleccionaremos as mellores Guías de Supervivencia que merecen pasar ao "Hall of Fame" (salón da fama) da Axencia S.A.U.D.E. e ser publicadas en todo o mundo.
Farémolo seguindo os seguintes pasos:
- PASO 1: Exposición de Guías: Deberás presentar a túa guía (en PDF, PowerPoint, cartolina ou no soporte que decidas) ante o resto de Axentes, explicando os puntos clave que deseñaches para a supervivencia e o contido da mesma.
- PASO 2: Votación Estratéxica: Actuarás como parte dun comité de expertos e votarás, xunto aos teus compañeiros e a #017, as guías que mellor transmitan os coñecementos e sexan máis eficaces para a poboación civil.
- PASO 3: Acceso ao "Hall of Fame": Se a túa guía é seleccionada, entrará no noso Salón da Fama oficial e a túa Guía será lanzada ao mundo como o manual de resistencia definitivo contra o sedentarismo.
Prepara a túa exposición e moito ánimo nesta actividade final!
Lectura facilitada
EXPOSICIÓN DE GUÍAS DE SUPERVIVENCIA
Deberás expoñer a túa Guía de Supervivencia ante o resto da clase.
Os teus compañeiros e compañeiras tamén mostrarán as súas.
Ao rematar, votaredes entre todos as mellores.
As mellores Guías estarán publicadas no salón da fama da Axencia S.A.U.D.E.
As mellores Guías tamén serán publicadas e enviadas a todo o mundo para axudalos ante futuros ataques.