3.5. Listas

Qué é unha lista

Unha lista é un tipo de dato que permite gardar varios valores dentro dunha mesma variable. A diferenza dos datos simples, como un número ou un texto, unha lista contén varios elementos e estes están ordenados. É por iso que se di que unha lista é un dato estruturado. En MicroBlocks, para converter unha variable nunha lista, tes que buscar a instrución lista dentro do bloque "Datos". Fíxate na seguinte imaxe:

Pasos para crear unha lista en MicroBlocks

Unha lista pode conter distintos tipos de elementos: nomes, como [Ana, Pedro, Marta]; unha mestura de nomes e números, como [Libro, 12, Caderno, 5]; ou incluso outras listas dentro, como [[255, 0, 0], [0, 255, 0], [0, 0, 255]].

Explicación visual dos conceptos relacionados cunha lista: elementos, lonxitude e posición

En todos os casos, para manexar as listas terás que empregar os seguintes conceptos:

  • Elementos: son os datos que se gardan na lista.
  • Lonxitude: é o número total de elementos que ten a lista.
  • Posición: é o lugar que ocupa cada elemento dentro da lista.

Lectura facilitada

Unha lista serve para gardar varios datos.

Eses datos están ordenados.

Por iso, a lista é un dato estruturado.

En MicroBlocks, a lista créase no bloque "Datos".

Fíxate na seguinte imaxe:

Pasos para crear unha lista

Nunha lista pode haber nomes.

Nunha lista tamén pode haber números.

Nunha lista pode haber outras listas.

Explicación visual do texto ao que acompaña

Nunha lista hai que coñecer tres ideas.

  • Elementos: son os datos da lista.
  • Lonxitude: é o número de elementos.
  • Posición: é o lugar de cada elemento.

Operacións básicas con listas

É importante practicar as seguintes operacións para aprender as propiedades das listas como datos organizados.

Enumerar

Para enumerar os elementos que ten unha lista debes empregar a orde unir " lista" co separador ",". Por exemplo: 

Programa que une elementos dunha lista

Substituír

Podes substituír un elemento da lista por outro sabendo o seu número de orde. Neste caso, "paxaro" (posición 3) por "elefante".

Código que permite substituír un elemento dunha lista



Eliminar

Tamén podes eliminar un elemento sabendo o seu número de orde.

Código que permite eliminar un elemento da lista

Engadir

Seguramente isto é o máis importante unha vez creada a lista.

Código que permite engadir elementos novos na lista

Lista baleira

Ás veces quererás crear listas baleiras para ir engadindo datos dos sensores da túa placa. Para facelo, elimina os espazos en branco do bloque "lista".

Código que permite crear unha lista baleira

Lectura facilitada

É importante practicar as operacións coas listas.

Enumerar

Podes mostrar os elementos dunha lista.

Para iso úsase a orde "unir cun separador".

Programa que une elementos dunha lista

Substituír

Podes cambiar un elemento da lista por outro.

Para iso tes que saber a súa posición.

Código que permite substituír un elemento dunha lista

Eliminar

Podes borrar un elemento da lista.

Para iso tamén tes que saber a súa posición.

Código que permite eliminar un elemento da lista

Engadir

Podes engadir elementos novos á lista.

Código que permite engadir elementos novos na lista

Lista baleira

Ás veces tes que crear unha lista baleira.

Despois poderás engadir datos nela.

Código que crea unha lista baleira

Transcrición dos programas

Enumerar

Ao comezar.

Asignar mamíferos a lista gato can elefante.

Dicir "une elementos da lista mamíferos co separador coma".

Resultado mostrado: gato, can, elefante.

Substituír

Ao comezar.

Asignar mamíferos a lista gato can paxaro.

Substitúe o elemento 3 da lista "mamíferos" por "elefante".

Dicir "une elementos da lista mamíferos co separador coma".

Resultado mostrado: gato, can, elefante.

Eliminar

Ao comezar.

Asignar mamíferos a lista gato can paxaro.

Elimina o elemento 3 da lista mamíferos.

Dicir "une elementos da lista mamíferos co separador coma".

Resultado mostrado: gato, can.

Engadir

Ao comezar.

Asignar mamíferos a lista gato can elefante.

Engade "morcego" á lista mamíferos.

Engade "tigre" á lista mamíferos.

Dicir "une elementos da lista mamíferos co separador coma".

Resultado mostrado: gato, can, elefante, morcego, tigre.

Lista baleira

Ao comezar.

Asignar mamíferos a lista baleira.

Engade "morcego" á lista mamíferos.

Engade "tigre" á lista mamíferos.

Dicir "une elementos da lista mamíferos co separador coma".

Resultado mostrado: morcego, tigre.

Observa os programas e comenta o código

Traballar con listas permite que almacenes moitos datos, por exemplo, o número de veces que pulsaches un botón, que inclinaches a controladora ou que se acendeu o primeiro LED...

En cada unha das seguintes opcións tes un programa que combina listas e sensores. Escolle cal deles queres facer. Terás que programalo en MicroBlocks e incluír comentarios que expliquen que fai cada parte do programa.

Lectura facilitada

As listas serven para gardar moitos datos.

Por exemplo, poden gardar cantas veces pulsaches un botón.

Tamén poden gardar cantas veces inclinaches a controladora.

Tamén poden gardar cando se acendeu un LED.

Agora tes varias opcións para escoller.

Cada opción combina listas e sensores.

Escolle unha opción.

Despois programa esa opción en MicroBlocks.

Engade comentarios para explicar cada parte do programa.

Facer comentarios

Os comentarios son fundamentais para entender o código dun programa. No teu caso, como traballas en grupo, as túas compañeiras e compañeiros precisarán deles para comprender como fixeches os programas.

En MicroBlocks, facer un comentario é como engadir un bloque máis. Podes atopalo no apartado "Control" e diferénciase do resto por ter unha cor amarela pálida. Os comentarios non forman parte do código: serven para explicar o que fai o programa e axudar a outras persoas a entendelo. Fíxate no seguinte exemplo:

Exemplo de como engadir comentarios en MicroBlocks

Lectura facilitada

Os comentarios axudan a entender un programa.

Son moi importantes cando traballades en grupo.

Así, outras persoas poden comprender o teu código.

En MicroBlocks, un comentario engádese como un bloque máis.

Está no apartado "Control".

Ten unha cor amarela clara.

Os comentarios non forman parte do código.

Serven para explicar o que fai o programa.

Exemplo de como engadir comentarios en MicroBlocks

Opción A: Cantas veces pulsaches un botón?

Robot Ada con placa Adafruit e placa micro:bit nas mans

Neste exercicio tes que comentar un programa que conta cantas veces pulsas os botóns durante 5 segundos e garda esa información nunha lista.

Cada vez que premes:

  • o botón A, gárdase "A".
  • o botón B, gárdase "B".

Despois, o programa mostra a lista cos botóns que premiches e o número total de veces, que corresponde á lonxitude da lista.

Programa para contar cantas veces premes os botóns A e B. Amósase comentado en MicroBlocks

Lectura facilitada

Neste exercicio tes que comentar un programa.

O programa conta cantas veces premes os botóns en 5 segundos.

O programa garda esa información nunha lista.

Cada vez que premes A, gárdase “A”.

Cada vez que premes B, gárdase “B”.

Ao final, o programa mostra a lista.

O programa tamén mostra cantas veces premiches en total.

Programa para contar cantas veces premes os botóns A e B. Amósase comentado en MicroBlocks

Opción B: Canta luz recibiu a placa?

Robot Ada con placa Adafruit e placa micro:bit nas mans

O seguinte programa permite tomar datos do valor da intensidade de luz que recibe a placa. Ao empregar unha lista, pódese obter a secuencia completa da luminosidade que recibiu a placa. Se se empregase unha variable, só se podería obter un valor determinado.

Instrucións para almacenar datos dun sensor de luz e un exemplo da súa execución

Lectura facilitada

Este programa garda datos da luz que recibe a placa.

Se usas unha lista, podes gardar moitos valores.

Así podes ver toda a secuencia da luz.

Se usas unha variable, só gardas un valor.

Instrucións para almacenar datos dun sensor de luz e un exemplo da súa execución

Opción C: Es quen de contar ata 5 en 5 segundos?

Robot Ada con placa Adafruit e placa micro:bit nas mans

Neste xogo comparas a capacidade de tres persoas para calcular unha duración de 5 segundos.

O xogo comeza cando a primeira persoa preme o botón A. A partir dese momento, debe contar ata 5 segundos e premer o botón B. Despois repiten o proceso as outras dúas persoas.

O programa garda nunha lista os tempos de cada persoa e, ao final, móstraos. Deste xeito, podes comprobar quen foi máis precisa ao contar os 5 segundos.

Ordes para almacenar nunha lista a exactitude de persoas

Lectura facilitada

Neste xogo participan tres persoas.

Cada persoa intenta calcular 5 segundos.

A primeira persoa comeza premendo o botón A.

Despois conta ata 5 segundos.

Ao final, preme o botón B.

Logo fan o mesmo as outras dúas persoas.

O programa garda os tempos nunha lista.

Ao final, mostra os resultados.

Así podes ver quen contou mellor os 5 segundos.

Ordes para almacenar nunha lista a exactitude de persoas

Páxina 18 de 27

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)