2. Para repasar, terás que secuenciar

 

Glosario

Sedentarismo

Persoa sentada traballando

Definición:

É un modo de vida no que unha persoa pasa moito tempo sentada ou facendo pouca actividade física.

Exemplo:

Hai sedentarismo cando unha persoa pasa moitas horas diante do ordenador ou da televisión e case non camiña nin fai exercicio.

Repasar antes de programar

Mesa de aula cos robots que estudaches en cursos anteriores.

Antes de comezar a programar para facer o xogo de Sensa6 convén repasar. En 1º e 2º da ESO comezaches a programar con ferramentas como Scratch, Snap ou mBlock. Con elas aprendiches a dar instrucións paso a paso para que un dispositivo realizase unha tarefa e creaches os teus primeiros proxectos interactivos.

Nesta fase vas recuperar esas aprendizaxes. Volverás traballar coas estruturas básicas da programación, lembrarás como se organizan as instrucións nun algoritmo e como un sistema de control responde as ordes que recibe.

Alguén che axudará neste percorrido polos coñecementos previos. Queres saber quen é? Segue lendo!

Lectura facilitada

En 1º e 2º da ESO xa aprendiches a programar.

Aprendiches a dar instrucións paso a paso.

Nesta fase vas recuperar esas aprendizaxes.

Vas repasar as estruturas básicas da programación.

Vas lembrar como se organiza un algoritmo.

Vas lembrar como responde un sistema de control.

Coñece a Ada!

Robot Ada que participa na programación

Quen é Ada?

Ada será o teu apoio ao longo das fases 2 e 3. É un robot que sabe moito de programación e quere axudar a estudantes coma ti a participar en actividades dinámicas, afastadas do sedentarismo. Fará de guía nas actividades que realices e indicarache cando tes que coller a placa controladora, cando tes que apuntar no caderno e cando debes traballar en equipo. Cada vez que atopes unha Ada, ou varias, significará que tes que poñerte a traballar.

Pero… por que se chama Ada?

Ada chámase así en homenaxe a Ada Lovelace, unha figura moi importante na historia da programación. O nome tamén serve para lembrar a outras mulleres que contribuíron ao desenvolvemento da informática e da programación.

Lectura facilitada

Quen é Ada?

Ada acompañarate nas fases 2 e 3.

Ada é un robot que sabe programación.

Ada axudarache nas actividades.

Ada indicarache que tes que facer.

Ada dirache cando usar a controladora.

Ada dirache cando escribir no caderno.

Ada dirache cando traballar en equipo.

Se ves unha Ada, tes que poñerte a traballar.

Pero… por que se chama Ada?

Chámase así por Ada Lovelace.

Ada Lovelace foi unha pioneira da programación.

Outras mulleres tamén fixeron historia neste campo.

Máis sobre Ada Lovelace

Imaxe de Ada en 1986

Ada Lovelace foi unha matemática británica que viviu no século XIX. Hoxe considérase a primeira programadora da historia.

Traballou xunto a Charles Babbage nunha máquina moi avanzada para a súa época chamada "Máquina analítica". Aínda que non chegou a construírse completamente, Ada comprendeu algo que ninguén máis vía: aquela máquina non servía só para facer cálculos matemáticos. Entendeu que, se se lle daban instrucións paso a paso, podería facer moitas outras cousas.

En 1843 escribiu unha serie de notas nas que explicou como a máquina podía seguir un conxunto de instrucións para resolver un problema. Ese conxunto de instrucións considérase o primeiro programa da historia.

O máis importante é que Ada foi a primeira en teorizar o concepto de programa: unha máquina pode procesar información se recibe instrucións axeitadas. Esa idea abriu o camiño á informática moderna.

Lectura facilitada

Ada Lovelace foi unha matemática británica.

Viviu no século XIX.

Hoxe considérase a primeira programadora da historia.

Traballou na idea dunha máquina que seguía instrucións.

Explicou que unha máquina podía facer máis cousas ca cálculos.

Esa idea foi moi importante para a informática.

Páxina 5 de 27

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)