4. Campionato

3, 2, 1 ... Adiante!

O reto está a piques de comezar! Pero antes, cómpre lembrar:

  • O obxectivo final é transformar os datos dunha competición deportiva que tivo lugar no voso concello en información de interese que permita extraer conclusións, por exemplo, acerca de cales foron as mellores marcas de cada categoría ou sobre as diferenzas nos resultados dunha proba entre as diferentes categorías.
  • A ferramenta que empregaredes para superar o reto será a folla de cálculo de LibreOffice Calc.
  • O produto do reto, é dicir, o que tedes que presentar, é un libro de Calc con catro follas nas que se amosen os seguintes informes:
    • Individual: cada integrante do equipo debe facer un informe, nunha folla de Calc, sobre a categoría que elixiu. En total xeraredes 3 informes individuais.
    • Grupal: en grupo faredes un informe, nunha folla de Calc, con resultados conxuntos da proba da que se ocupou o voso equipo. 

Estades listos/as para esta olimpíada de datos?

Lectura facilitada

O reto está a piques de comezar!

Lembrade que o obxectivo final é transformar os datos dunha competición deportiva.

Esa competición tivo lugar no voso concello.

Ides transformar os datos en información de interese.

Con esa información poderedes extraer conclusións.

Por exemplo, veredes as mellores marcas de cada categoría.

A ferramenta que empregaredes será a folla de cálculo de LibreOffice Calc.

Teredes que presentar un produto.

O produto do reto é un libro de Calc con catro follas.

Nas follas amosaredes os seguintes informes:

  • Individual: cada integrante do equipo debe facer un informe sobre a categoría que elixiu. O informe irá nunha folla de Calc. En total xeraredes 3 informes individuais.
  • Grupal: en grupo faredes un informe. Tamén irá nunha folla de Calc. Recollerá resultados conxuntos da proba da que se ocupou o voso equipo. 

Estades listos/as para esta olimpíada de datos?

O palmarés

Como boas deportistas que sodes, xa tedes algúns éxitos acadados na vosa traxectoria, é dicir, tedes un palmarés:

Pictograma dunha atleta olímpica

  • Na Fase 2: descargastes a base de datos con todos os rexistros persoais dos deportistas, a categoría á que pertencen, as probas nas que participaron e os resultados acadados en cada proba. Tamén organizastes os grupos de traballo e repartistes as categorías: infantil, cadete e júnior. Nesta fase tamén creastes unha folla na que aparecen os datos da proba coa que vai traballar o voso grupo. 
  • Na Fase 3: fixestes o filtrado para que cada integrante do equipo tivese unicamente os datos cos que vai traballar nesta fase 4, é dicir, os datos da categoría da que se vai encargar.

Lectura facilitada

Xa tedes algúns éxitos na vosa traxectoria deportiva.

É dicir, tedes un palmarés:

  • Na Fase 2:
    • Descargastes a base de datos con todos os rexistros persoais dos deportistas. Estes rexistros son a categoría á que pertencen, as probas nas que participaron e os resultados acadados en cada proba.
    • Tamén organizastes os grupos de traballo e repartistes as categorías: infantil, cadete e júnior.
    • Nesta fase tamén creastes unha folla. Nesa folla aparecen os datos da proba coa que vai traballar o voso grupo. 
  • Na Fase 3:
    • Fixestes o filtrado. Así cada integrante do equipo ten só os datos cos que vai traballar nesta fase 4. É dicir, os datos da categoría da que se vai encargar.

A folla de ruta

Como vedes, estades no bo camiño... a polo esforzo final!

Que pasos tedes que seguir?

1º) Analizar os datos e elaborar o informe individual

O primeiro paso para completar o reto consiste en aplicar os cálculos e funcións necesarias para obter información de utilidade dos datos da categoría que escolliches. Planifica o teu traballo e pensa con antelación a información que queres obter deses datos e que logo representarás axudándote de gráficos. 

Como resultado do teu traballo debes crear un informe que debe conter como mínimo:

  1. Tres novas columnas cos datos obtidos logo de aplicar tres funcións diferentes, entre as traballadas na fase 3.
  2. Dous gráficos de diferentes categorías cos datos obtidos nas tres columnas da fase anterior.
  3. Incluír elementos de formato:
    1. As columnas con novos datos deberán ter título e un fondo con cores diferentes para cada columna. As celas deben ter bordos no seu formato e os datos numéricos terán dous decimais.
    2. Os gráficos contarán con título e títulos en cada eixo, así como lenda se é preciso identificar os datos representados.

2º) Compartir os informes

Agora chega o momento de compartir os informes elaborados por cada membro do grupo para a súa categoría. Cada membro do grupo debe:

  • Explicar ao resto dos membros a información que obtivo logo de traballar cos datos da súa categoría.
  • As funcións que aplicou para obter esa información.
  • Os gráficos que elaborou e explicar a información que proporcionan. 

3º) Elaborar o informe final

En grupo debedes elaborar un documento ou libro de LibreOffice Calc que conteña catro follas de datos. Estas follas serán:

  • Os informes de cada membro do grupo. Cada informe aparecerá nunha folla de datos diferente.
  • Unha nova folla que recollerá toda a información da vosa proba e para todas as categorías.

4º) Entregar o informe final

Xa soamente resta darlle formato ao informe final e preparalo para a súa entrega. Este será o último paso do reto.

Lectura facilitada

Como vedes, estades no bo camiño... a polo esforzo final!

Que pasos tedes que seguir?

1º) Analizar os datos e elaborar o informe individual

O primeiro paso será obter información dos datos da túa categoría.

Para iso terás que aplicar os cálculos e funcións necesarias.

Queres obter información de utilidade.

Planifica o teu traballo.

Pensa que información queres obter deses datos.

Logo representarás a información con gráficos. 

Como resultado do teu traballo debes crear un informe. O informe debe conter como mínimo:

  1. Tres novas columnas cos datos obtidos.  En cada unha aplicarás tres funcións diferentes. As funcións serán das traballadas na fase 3.
  2. Dous gráficos de diferente tipo. Axudarán a amosar os datos obtidos nas tres columnas da fase anterior.
  3. Incluír elementos de formato:
    1. As columnas con novos datos deberán ter título. Tamén un fondo con cores diferentes para cada columna. As celas deben ter bordos no seu formato. Os datos numéricos terán dous decimais.
    2. Os gráficos contarán con título. Os eixos tamén terán títulos. Se é preciso identificar os datos representados tamén terán unha lenda.

2º) Compartir os informes

Agora chega o momento de compartir os informes.

Cada membro do grupo elaborou o informe para a súa categoría.

Cada membro do grupo debe:

  • Explicar ao resto dos membros a información. Obtivo esa información logo de traballar cos datos da súa categoría.
  • Explicar as funcións que aplicou para obter esa información.
  • Amosar os gráficos que elaborou e explicar a información que proporcionan. 

3º) Elaborar o informe final

En grupo debedes elaborar un documento de LibreOffice Calc.

Ese documento conterá catro follas de datos. Estas follas serán:

  • Os informes de cada membro do grupo. Cada informe aparecerá nunha folla de datos diferente.
  • Unha nova folla que recollerá toda a información da vosa proba. Incluirá todas as categorías.

4º) Entregar o informe final

Xa soamente resta darlle formato ao informe final.

Hai que preparalo para a súa entrega.

Este será o último paso do reto.

Como se vai avaliar o reto?

A continuación, tedes a rúbrica de avaliación do reto. Prestade atención aos diferentes criterios para axustarvos ben aos requisitos solicitados. Fixádevos tamén en que hai criterios que se avalían de xeito individual (xa que se refiren aos informes das categorías) e outros de maneira grupal (xa que se refiren ao informe final).

Rúbrica do reto: CÁLCulo olímpico
 ProfesionalPrincipianteAprendizAusente
Formato (Individual)Emprega de forma completa e correcta todos os elementos de formato: celas con bordos, datos con dous decimais, títulos nas columnas con novos datos e cores diferentes de fondo. Os títulos das columnas e gráficos teñen información significativa. (2,0)Emprega todos os elementos de formato no informe individual entregado, pero presentan erros ou hai apartados incompletos. (1,25)Soamente emprega dous dos elementos de formato no informe individual entregado. (0,50)Non emprega ningún dos elementos de formato no informe individual entregado. (0,0)
Funcións (Individual)Emprega tres funcións diferentes, están ben implementadas e obtén información relevante e de utilidade dos datos para a categoría escollida. Emprega referencias correctas ao aplicar as funcións a todos os datos dispoñibles. (2,0)Emprega tres funcións diferentes pero a información obtida non é relevante ou de utilidade en todos os casos para a categoría escollida. Emprega referencias correctas ao aplicar as funcións a todos os datos dispoñibles. (1,25)Non emprega tres funcións diferentes ou algunha das funcións escollidas non está ben implementada para obter información relevante ou de utilidade para a categoría escollida. Presenta erros ao empregar referencias nas funcións aos datos dispoñibles. (0,50)Non emprega funcións para obter información relevante ou de utilidade para a categoría escollida. (0,0)
Gráficos (Individual)Emprega gráficos de categorías diferentes perfectamente formatados (con título e títulos nos eixos; e con lenda, se procede). (2,0)Os gráficos empregados pertencen a dúas categorías diferentes pero están incompletos en canto ao seu formato (sen título/títulos nos eixos; sen lenda cando se require). (1,25)Os gráficos empregados non pertencen a dúas categorías diferentes e non están completos en canto ao seu formato. (0,50)Non inclúe gráficos. (0,0)
Informe final - Elaboración (Grupal)O informe final está completo e contén 4 follas de datos (3 individuais e unha grupal). A folla grupal contén rexistros cos datos e información relevante de cada categoría correctamente formatados (celas con bordos, datos numéricos con dous decimais, título nas columnas con novos datos e cores diferentes de fondo). A folla grupal tamén contén un gráfico con información da proba ben formatado (con título e títulos nos eixos; e con lenda, se procede). (2,0)O informe final está completo e contén as 4 follas de datos, pero hai erros de formatado na folla grupal (nos rexistros cos datos de cada categoría ou no gráfico con información da proba). O gráfico elaborado para a proba non contén información relevante ou de utilidade. (1,25)No informe final, a folla grupal non contén rexistros de todas as categorías ou falta o gráfico coa información da proba. (0,50)O informe final non contén as follas requiridas. (0,0)
Informe final - Entrega (Grupal)O informe final está completo, entréganse os dous arquivos solicitados (PDF e ODS) e co nome correcto (Resultados_Nomedaproba). O ficheiro PDF está ben organizado e maquetado de forma que toda a información se visualiza correctamente en varias páxinas, facilitando a súa impresión e exposición. (2,0)Faise entrega do informe final, co nome requirido, en formato .ods e .pdf, pero este último non está correctamente organizado e maquetado. (1,25)Faise entrega do informe final pero está incompleto ao entregarse só ficheiro en PDF ou só o ODS. (0,50)Non entrega o informe final. (0,0)

Elaboración propia (proxecto cREAgal). Rúbrica do reto: CÁLCulo olímpico (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Páxina 20 de 27

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)