5. A sobremesa

O que aprendiches

Ao longo deste recurso creaches un cartel publicitario animado dun alimento galego. A continuación tes un resumo visual de todo o que aprendiches e fixeches ao longo desta aventura gastronómica. Preme na imaxe para exploralo con máis detalle.

Resumo das fases do proxecto realizado

Conclusións

O obxectivo do reto era dar visibilidade aos produtos locais e ás persoas que traballan no mar, no campo ou coa gandaría, as cales non sempre reciben o recoñecemento que merecen.

Aprendiches que a publicidade é unha ferramenta eficaz para promover o consumo local e sostible e para poñer en valor os alimentos de calidade producidos en Galicia.

Ao longo do proceso repasaches conceptos básicos do deseño, como o uso correcto das imaxes, o respecto pola autoría, os formatos dixitais e a importancia de manter a orde e a responsabilidade nos teus proxectos.

Descubriches o valor da cor e da tipografía para transmitir mensaxes, e aprendiches a empregar programas de deseño para editar imaxes, traballar con capas e crear animacións de diferentes tipos (mediante obxectos por capa, obxectos por fotogramas ou animación de letras).

Por último, reflexionaches sobre a importancia do traballo en equipo, compartindo ideas e materiais para conseguir un resultado final que encaixe como un crebacabezas.

Lectura facilitada

Este reto serviu para dar visibilidade aos produtos locais.

Este reto tamén visibilizou ás persoas que os producen.

Aprendiches que a publicidade axuda ao consumo local.

A publicidade tamén promove un consumo sostible.

Repasaches nocións básicas de deseño.

Aprendiches a usar imaxes e formatos dixitais.

Aprendiches a respectar a autoría.

Aprendiches a usar a cor e a tipografía.

Aprendiches a editar imaxes e crear animacións.

Traballaches en equipo para conseguir un bo resultado.

Campaña de publicidade

Duración: 20 minutos Agrupamento: Pequeno grupo

O alumnado presenta o póster aos seus compañeiros e compañeiras.

O sentido de facer un deseño publicitario é dalo a coñecer. Por iso, ides amosar o voso cartel ao resto da clase, explicándoo mediante unha presentación oral.

Fíxate nos requisitos da presentación:

  • Durante a exposición explicaredes que alimento escollestes e por que o considerades representativo da vosa zona e/ou de Galicia.
  • Falaredes do proceso que seguistes para acadar o reto.
  • Xustificaredes a elección das cores e a tipografía.
  • Explicaredes como conseguistes que o cartel sexa claro, comprensible e accesible para todo o mundo.

É importante que preparedes ben a vosa presentación, pero tamén é importante que prestedes atención ás presentacións do resto de grupos, xa que deberedes coavaliar o seu traballo. 

Lectura facilitada

Duración: 20 minutos Agrupamento: Pequeno grupo

Un cartel faise para ser mostrado.

Agora presentaredes o voso cartel á clase.

Durante a presentación:

  • Diredes que alimento escollestes
  • Explicaredes por que é representativo.
  • Comentaredes como fixestes o cartel.
  • Xustificaredes as cores e a letra.
  • Explicaredes por que o cartel se entende ben.

Escoitade as presentacións dos outros grupos.

Despois, coavaliade o seu traballo.

Rúbrica de coavaliación

Revisa os carteis creados por cada equipo e avalía o resultado con esta rúbrica, valorando cada ítem cunha das tres opcións posibles.

Rúbrica de coavaliación dos carteis
 ChefCociñeiro/aPinche
De quen ves sendo? Galego 100%O alimento é representativo da gastronomía ou da industria alimentaria galega, sendo relevante na nosa zona ou preto da nosa zona (2.0)O alimento pertence á gastronomía ou á industria alimentaria galega pero non é relevante na nosa zona ou nalgunha zona preto da nosa contorna. (1.0)O alimento pode comerse en Galicia pero non é importante na súa gastronomía ou industria alimentaria. (0.5)
Entra polos ollos. Deseño visual.O deseño visual conecta co alimento e co anuncio, e resulta creativo e orixinal, incitando a querer probar ou mercar o alimento. Ademais quedan ben xustificadas as propostas de deseño na exposición. (2.0)O deseño visual conecta co alimento e co anuncio ou eslogan. Non resulta creativo e orixinal pero incita a querer probalo ou mercalo. Quedan ben xustificadas as propostas de deseño na presentación. (1.0)O deseño visual conecta co alimento ou anuncio, pero non resulta creativo nin orixinal nin da moitas ganas de probar ou mercar o alimento, ou non quedaron ben xustificadas as propostas de deseño. (0.5)
Fervendo. Calidade da animación.A velocidade da animación é óptima con respecto ao tempo de duración, nin moi lenta nin moi rápida. (2.0)A velocidade da animación é correcta, pero faise algo lenta ou algo rápida. (1.0)A velocidade da animación é incorrecta, faise moi lenta ou moi rápida. (0.5)
Menú á carta. Cores e letras.A proposta cromática e tipográfica é harmoniosa e quedou ben xustificada na presentación do anuncio, axudando a que poidamos lembralo mellor. (2.0)As cores e a tipografía son correctas con respecto ao anuncio pero non quedaron ben xustificadas na presentación. (1.0)As cores ou a tipografía non acompañan ben ao anuncio, non están ben integradas no proxecto. (0.5)
Comedor socialQueda ben xustificado na exposición que na proposta de deseño se tivo en conta a claridade e a accesibilidade do cartel. (2.0)Queda ben xustificado na exposición que na proposta de deseño se tivo en conta a claridade e a accesibilidade do cartel, pero o resultado final non é en parte comprensible. (1.0)Non queda ben xustificado na exposición que na proposta de deseño se tivo en conta a claridade e a accesibilidade do cartel. (0.5)

Elaboración propia (proxecto cREAgal). Rúbrica de coavaliación dos carteis (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Reflexión final

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Nesta última fase puideches ver o resultado final de todos os grupos e reflexionar a partir da rúbrica. Agora tócache facer unha valoración persoal do traballo realizado, comparándoo co dos demais e pensando no que aprendiches ao longo de todo o proceso.

No derradeiro apartado do teu diario de aprendizaxe, responde ás seguintes preguntas:

  1. Hai algún cartel doutro grupo que che chamase especialmente a atención? Explica por que, fixándote no deseño, na animación ou na mensaxe que transmite.
  2. Comparando co traballo doutros grupos, que ideas de deseño che pareceron máis creativas ou orixinais? Que cres que fan que funcionen ben?
  3. Hai algún efecto nas imaxes ou na animación doutro grupo que non saibas como se fixo? Que ferramentas ou técnicas poderían estar detrás dese efecto?
  4. Houbo algún cartel que che resultase difícil de comprender? Que pensas que lle faltaba ou que lle sobraba para que a mensaxe fose máis clara?
  5. Como valoras o traballo do teu grupo despois de ver todos os resultados finais? Que farías diferente se tiveses que repetir este proxecto?
  6. Que consello lle darías a outro grupo que fose facer este proxecto por primeira vez?

Lectura facilitada

Responde no teu diario de aprendizaxe.

  1. Que cartel doutro grupo che gustou máis?
  2. Que ideas doutros grupos che pareceron creativas?
  3. Que efectos che gustaría aprender a facer?
  4. Houbo algún cartel difícil de entender?
  5. Como valoras o traballo do teu grupo?
  6. Que consello darías a outro grupo?

Páxina 20 de 23

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)