4.4. Presentando o prato

Catar e entregar

Duración: 20 minutos Agrupamento: Pequeno grupo
Entrega do alumnado

Probade agora as distintas animacións que exportastes ao longo do proceso. É importante que as revisedes con calma, abrindo os ficheiros en orde, por exemplo desde o navegador, para poder comparalos e escoller cal é o que mellor funciona e transmite a idea que queriades expresar.

Prestade especial atención á velocidade da animación, xa que este é un dos criterios fundamentais de bo funcionamento. Observade se o movemento resulta demasiado lento ou, pola contra, excesivamente rápido.

Se notades que algo non encaixa ou non se entende ben, aínda estades a tempo de volver atrás, facer os axustes necesarios e exportar de novo a animación ata conseguir o resultado axeitado.

A continuación, revisade con detalle a rúbrica de avaliación e comprobade que criterios estades a cumprir e cales poderíades mellorar. Isto axudaravos a ser conscientes do voso propio traballo e a detectar posibles erros ou aspectos que se poidan perfeccionar antes da entrega final.

Por último, entregade a animación definitiva: 

  • en formato .gif
  • en formato .xcf

Se volo solicitan, lembrade achegar tamén as imaxes individuais, é dicir, os fotogramas que forman parte da animación. Deste xeito quedará completo todo o proceso de traballo e o resultado final poderá ser avaliado correctamente.

Lectura facilitada

Agora toca revisar o traballo.

Revisade as animacións creadas.

Abride os ficheiros en orde.

Comparade as distintas versións.

Escollede a que mellor funciona.

Agora toca revisar a velocidade.

Observade se a animación é lenta.

Observade se a animación é rápida.

Facede cambios se algo non se entende.

Exportade de novo se é necesario.

Agora toca revisar a avaliación.

Lede a rúbrica con atención.

Comprobade que criterios cumprides.

Vede que aspectos podedes mellorar.

Agora toca entregar o traballo.

  • Entregade o ficheiro en formato .gif.
  • Entregade o ficheiro en formato .xcf.

Servir o menú

Unha persoa presenta o seu póster nun proxector

Unha vez que rematastes o póster, chega o momento de presentalo, coma se estivésedes a servir un prato nun restaurante e quixésedes convencer aos comensais antes de probalo. Poñede en valor o voso traballo e mostrádeo á persoa que o vai avaliar.

Durante a explicación e defensa, aclarade por que escollestes ese alimento e por que o considerades representativo de Galicia, facendo referencia á súa orixe, á tradición ou á importancia cultural que ten. Comentade tamén como vos organizastes no póster, que elementos decidistes destacar máis.

Falade do proceso que seguistes desde o inicio: como compuxestes as capas e que ferramentas dixitais empregastes.

Lectura facilitada

Agora toca presentar o póster.

Mostrádeo á persoa docente con claridade e seguridade.

Explicade por que escollestes ese alimento.

Indicade por que representa a Galicia.

Podedes mencionar a súa orixe, a tradición ou o valor cultural.

Comentade como organizastes o póster.

Indicade que elementos decidistes destacar.

Falade do proceso de traballo.

Indicade como empregastes as capas.

Indicade que ferramentas dixitais empregastes.

Reflexión sobre o traballo en grupo

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Durante esta fase do proxecto chegou o momento de traballar en grupo de verdade. Deseñastes o cartel final a partir dos adestramentos previos, repartistes os fotogramas, unistes todo o traballo nun gif animado e, finalmente, tivestes que explicalo e defendelo diante do profesor ou profesora.

Agora toca reflexionar con calma sobre todo este proceso. No teu diario de aprendizaxe, responde ás seguintes preguntas de forma sincera e reflexiva:

  1. Como foi o proceso para tomar decisións no grupo e que papel tiveches nel?
  2. Como se repartiu o traballo e como funcionou a colaboración entre as persoas do grupo?
  3. O resultado final do gif animado foi o que esperabas? E que aspectos do traballo en grupo funcionaron mellor ou peor?
  4. Que cambiarías da túa forma de traballar en grupo e que manterías se repetises esta actividade?

Unha vez rematadas as respostas individuais, poñédeas en común no grupo e reflexionade xuntos para responder a esta pregunta final:

Que aspectos do funcionamento do grupo cambiariades se tivésedes que volver facer este proxecto?

Lectura facilitada

Responde no teu diario de aprendizaxe.

  1. Como funcionou o grupo?
  2. Como se repartiu o traballo?
  3. Que foi ben e que foi mal?
  4. Que cambiarías a próxima vez?

Despois, comentade as respostas no grupo.

Que cambiaríades se fixésedes de novo o proxecto?

Páxina 19 de 23

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)