3.2. Editando con GIMP

 

Glosario

Formato nativo

Icona de GIMP dun can

Definición:

É o tipo de ficheiro no que se garda un proxecto completo, con todas as capas e edicións, e que permite volver abrilo máis tarde para seguir traballando nel.

Exemplo:

O formato nativo do programa GIMP é o .xcf.

Software libre

Ñu e pingüín dándose a man

Definición:

É o software no que temos liberdade para executalo, copialo, estudalo e distribuílo.

Exemplo:

GIMP é un programa de software libre.

Software multiplataforma

Pingüín rompendo as barreiras das plataformas privativas

Definición:

É o software que funciona en varios sistemas operativos.

Exemplo:

GIMP é un software multiplataforma, xa que funciona en Linux, Windows, macOS e ChromeOS.

Retocar imaxes en mapa de bits

Icona de GIMP dun can

Para editar imaxes en mapa de bits utilízanse programas que permiten modificar fotografías píxel a píxel. Con este tipo de ferramentas pódense recortar imaxes, cambiar cores, engadir texto, aplicar filtros ou mesmo crear debuxos desde cero.

Este ano empregarás GIMP como editor de imaxes. É un programa libre e gratuíto que che permite traballar con capas e instalar complementos para engadir funcións novas. Ao ser software libre, poderás descargalo, utilizalo e compartilo sen custo. Ademais, funciona nos principais sistemas operativos: GNU-Linux, Windows ou macOS.

Ao longo deste apartado verás varios vídeos, e cada un deles será un adestramento no que se explica unha función concreta de GIMP paso a paso.

Despois de cada adestramento, realizarás un exercicio individual no que aplicarás o que acabas de aprender. Así poderás practicar cada técnica de edición en mapa de bits e consolidar o uso do programa.

Lectura facilitada

GIMP traballa píxel a píxel.

Con GIMP pódense recortar imaxes.

Con GIMP pódense cambiar cores.

Con GIMP pódese engadir texto.

GIMP é un programa libre e gratuíto.

Verás vídeos para aprender a usar GIMP.

Despois de cada vídeo farás un exercicio.

Preme para descargar GIMP

Podes descargar GIMP dende o seu sitio web: https://www.gimp.org/downloads/

Prepara as ferramentas de GIMP

Neste vídeo vas aprender a preparar por primeira vez o programa de edición GIMP, na súa versión 3.0.6. O obxectivo é configurar a interface para que resulte cómoda e clara antes de comezar a traballar con imaxes. 

Lectura facilitada

Neste vídeo aprenderás a preparar GIMP por primeira vez.

O vídeo usa a versión 3.0.6 de GIMP.

O obxectivo é ordenar a interface.

Unha boa interface facilita o traballo.

O que se fai no vídeo

Comezarás abrindo o programa. A continuación, entrarás na lapela Editar e seleccionarás a opción Preferencias. Dentro deste menú configurarás varios aspectos básicos da interface.

En primeiro lugar, escollerás o idioma de traballo, seleccionando Galego como lingua principal do programa. Despois, na sección Tema, poderás decidir a cor de fondo da interface, optando entre un aspecto escuro, medio ou claro. Máis adiante, na lapela Tema de iconas, elixirás tamén o estilo das iconas, podendo escoller entre iconas negras ou iconas en cor.

Antes de rematar, accederás á lapela Caixa de ferramentas e activarás todas as opcións do menú de Aparencia, para asegurarte de que todas as ferramentas e iconas se mostran correctamente.

Unha vez feitos estes axustes, aceptarás os cambios e reiniciarás GIMP para que toda a configuración se aplique correctamente. Tras este proceso, o programa quedará listo para comezar a traballar coas ferramentas de edición.

Lectura facilitada

Abre o programa GIMP.

Entra en Editar.

Entra en Preferencias.

Escolle Galego como idioma.

Escolle a cor da interface.

Podes escoller escura, media ou clara.

Escolle o estilo das iconas.

Podes escoller iconas negras ou en cor.

Entra en Caixa de ferramentas.

Activa todas as opcións de Aparencia.

Acepta os cambios.

Pecha e abre de novo GIMP.

Agora GIMP está listo para usar.

Adestramento 1: Capas

Que é unha capa?

Unha capa é coma unha lámina transparente que forma parte da túa imaxe. Cada capa pode conter debuxos, fotos, textos ou efectos, e todas xuntas forman a imaxe final, igual que se apilases follas transparentes unha enriba doutra. Neste adestramento vas aprender a facer as seguintes tres capas: 

Capa de fondo azul
Capa de fondo
Unha capa de GIMP cun rectángulo rosa na parte inferior
Capa rectángulo
Unha capa cunha elipse no medio de cor amarela
Capa elipse

Vas preparar unha páxina de deseño cun tamaño axeitado e crear varias capas para construír unha imaxe composta. Primeiro estabelecerás unha capa de fondo de cor azul e despois engadirás dúas capas máis: unha coa forma dun rectángulo rosa e outra cunha elipse amarela. Finalmente organizarás estas capas, que son transparentes e se superpoñen entre si, e rematarás gardando o traballo no formato .xcf para conservar todas as capas. 




Lectura facilitada

Que é unha capa?

Unha capa é unha lámina transparente.

As capas colócanse unhas enriba doutras.

Todas as capas forman a imaxe final.

Neste exercicio crearás tres capas.

Capa de fondo azul
Capa de fondo
Capa cun rectángulo rosa
Capa rectángulo
Capa cunha elipse amarela
Capa elipse

Primeiro crearás un fondo azul.

Despois engadirás un rectángulo rosa.

Despois engadirás unha elipse amarela.

As capas poden superpoñerse.

Ao final gardarás o ficheiro en formato .xcf.

Atréveste a facelo ti?

Abre un novo documento en GIMP e crea unha imaxe con tres capas que conteñan figuras e cores diferentes. Lembra gardalo en formato .xcf para conservar as capas.

imaxe do programa GIMP con tres capas

Lectura facilitada

Abre un documento novo en GIMP.

Crea unha imaxe con tres capas.

Cada capa terá unha cor ou figura distinta.

Garda o ficheiro en formato .xcf.

Imaxe do programa GIMP con tres capas

Adestramento 2: Recortar e mover imaxes

Vas seleccionar unha parte concreta dunha imaxe para separala do fondo e convertela nunha capa independente. Ao recortar esa figura crearás tamén unha capa de fondo cun oco no lugar onde estaba o obxecto. Despois harmonizarás o fondo para que quede uniforme e moverás a figura recortada á posición que prefiras ou para simular un desprazamento dentro da escena. Para rematar, gardarás o traballo no formato .xcf, que che permite conservar todas as capas e seguir editando a imaxe máis adiante.

Lectura facilitada

Vas recortar unha parte dunha imaxe.

Esa parte pasará a unha capa nova.

O fondo quedará separado.

Poderás mover a figura recortada.

Ao final gardarás o ficheiro en .xcf.

Atréveste a facelo ti?

Abre un dos debuxos que seleccionaches na fase 2, recorta unha das súas figuras e móvea a outra posición. Ao rematar, lembra gardar o traballo en formato .xcf para conservar as capas.

Lectura facilitada

Abre un debuxo da fase 2.

Recorta unha figura da imaxe.

Move a figura a outra posición.

Garda o ficheiro en formato .xcf.

Adestramento 3: Escalas

Cando abres unha imaxe en GIMP podes modificar o seu tamaño cambiando a escala, é dicir, aumentando ou reducindo as súas dimensións sen alterar o contido da imaxe.

Vas aprender como combinar varias imaxes nun mesmo lenzo, abríndoas como capas independentes. Colocarás cada imaxe no seu lugar axeitado, modificando o seu tamaño e movéndoa para distribuíla pola páxina segundo o deseño que queiras crear. Engadirás tantas capas de imaxe como precises, repetindo o proceso até completar a composición final. Para rematar, gardarás todo o traballo en formato .xcf para manter as capas e poder seguir editando máis adiante.

    Lectura facilitada

    Podes cambiar o tamaño dunha imaxe en GIMP.

    Cambiar o tamaño chámase escala.

    Podes xuntar varias imaxes nun mesmo lenzo.

    Cada imaxe será unha capa.

    Podes mover e redimensionar cada capa.

    Engade tantas imaxes como precises.

    Garda o traballo en formato .xcf.

    Atréveste a facelo ti?

    1. Escolle unha destas imaxes que representan vodas medievais:

    2. No cartafol no que xa tes descargados alimentos, escolle algúns que poidan formar parte do banquete.

    3. Ábreos como capas no banquete, axusta o tamaño e repárteos na mesa.

    Adestramento 4: Clonación

    Alimentos na mesa… Poño, quito… Ninguén me para! Acabo de descubrir como clonar!
    Mesa na que se clonaron moitos pans



    Nun programa de edición de imaxes dixitais, clonar é copiar unha parte da imaxe e pintala noutro lugar, coma se usases un pincel que reproduce o fragmento que seleccionaches. Unha vez que escolles a zona que queres copiar, podes clonala cantas veces queiras. Mira cantos pans clonaches!

    Cando clonas:

    • Eliminas imperfeccións da imaxe.
    • Quitas ou engades obxectos con facilidade.
    • Repites texturas ou detalles.
    • Reconstrúes partes danadas dunha fotografía.

    No seguinte vídeo móstrase como clonar un pan.

    Lectura facilitada

    Clonar é copiar unha parte da imaxe.

    Esa parte colócase noutro sitio.

    Funciona coma un pincel.

    Podes repetir a copia moitas veces.

    • Serve para borrar erros.
    • Serve para engadir obxectos.
    • Serve para repetir detalles.
    • Serve para arranxar fotos.

    No seguinte vídeo verás como clonar un pan.

    Atréveste a facelo ti?

    Agora tócache a ti facer unha clonación. Propoñémosche varias opcións a partir da imaxe que che facilitamos.

    Banquete no que o pavo é o protagonista

    1º Engade un pan na mesa.

    2º Elimina un prato da mesa.

    3º Atréveste a eliminar o pavo do banquete?

    Lectura facilitada

    Agora toca practicar a clonación.

    Banquete no que o pavo é o protagonista

    Engade un pan na mesa.

    Elimina un prato da mesa.

    Proba a eliminar o pavo.

    Adestramento 5: Escribir textos

    Como sabes, os títulos teñen un papel protagonista nun cartel. Agora vas traballar coas letras, empregando as tipografías que tes instaladas no teu sistema operativo, aínda que tamén podes instalar unha nova se o consideras necesario. Escolle con coidado a fonte, xa que o tipo de letra axuda a transmitir a mensaxe do cartel. No seguinte vídeo explícase o proceso paso a paso.

    Lectura facilitada

    Os títulos son moi importantes nun cartel.

    Agora vas traballar coas letras en GIMP.

    Podes usar as tipografías do teu ordenador.

    Tamén podes instalar unha tipografía nova.

    Escolle a tipografía con coidado.

    A tipografía cambia a mensaxe do cartel.

    Atréveste a facelo ti?

    Como exercicio individual, imita o mítico cartel "KEEP CALM" (sen o debuxo da coroa) empregando outra tipografía. Fíxate en que ten fondo vermello e letras brancas en maiúsculas, de estilo sans.

    Cartel Keep Calm and Carry On

    Fai o exercicio seguindo estas fases:

    • Crea unha capa tamaño A4 e énchea de cor vermella.
    • Crea unha capa de texto coas palabras "KEEP CALM" en cor branca e en maiúsculas. Pon cada palabra nunha liña, coa xustificación centrada. Axusta o tamaño da letra a uns 300 px.
    • Modifica o espazo entre liñas e entre letras ata que consideres que queda ben.
    • Crea outra capa de texto con "CARRY ON" e colócaa na posición correcta.
    • Crea unha terceira capa de texto coa palabra "AND", cun tamaño máis pequeno (uns 200 px).
    • Centra todas as capas usando a ferramenta de mover.
    • Garda o traballo en formato .xcf.

    Lectura facilitada

    Imita o cartel “KEEP CALM”.

    Non poñas a coroa.

    Usa outra tipografía.

    Usa fondo vermello.

    Usa letras brancas en maiúsculas.

    Cartel Keep Calm and Carry On
    • Crea un fondo vermello en tamaño A4.
    • Escribe “KEEP” e “CALM” en dúas liñas.
    • Centra o texto.
    • Axusta o tamaño da letra a 300 px.
    • Axusta o espazo entre liñas e letras.
    • Escribe “CARRY ON” e colócao abaixo.
    • Escribe “AND” máis pequeno (200 px).
    • Centra todas as capas.
    • Garda en .xcf.

    E se quero usar outra tipografía ou modificar a que teño?

    Moi doado:

    • Selecciona unha a unha as capas de texto (aparecen as letras nela para diferencialas) co botón de texto seleccionado no menú ferramentas.
    • Selecciona as letras. Agora podes modificar a tipografía (proba unha grosa - bold - e unha cursiva - itálica - da mesma familia).
    • Coas letras seleccionadas tamén podes probar a modificar o espazo entre liñas e o espazo entre letras.

    Lectura facilitada

    É moi doado.

    • Selecciona unha capa de texto.
    • Usa a ferramenta de texto.
    • Selecciona as letras.
    • Cambia a tipografía.
    • Proba unha tipografía en bold.
    • Proba unha tipografía en itálica.
    • Cambia o espazo entre liñas.
    • Cambia o espazo entre letras.

    Adestramento 6: Gravar e exportar

    Cando traballas cun programa de edición de imaxes, debes gardar o proxecto no formato nativo do programa. Este formato conserva todas as capas e todos os pasos da edición. Así podes volver abrir o ficheiro e seguir modificando a imaxe sen perder nada. Por exemplo, en GIMP o formato nativo é .xcf.

    Cando queres usar a imaxe fóra do programa, xa sexa para compartila, imprimila ou inserila noutro documento, tes que exportala. Ao exportar, o programa garda só a imaxe final. Esta imaxe xa non conserva as capas nin a estrutura do proxecto. Nese momento debes decidir se queres transparencia ou fondo branco.

    • Se queres manter a transparencia, utiliza un formato que a admita, como .png.
    • Se queres un fondo branco, utiliza un formato como .jpg, que non conserva transparencia.

    No seguinte vídeo veremos como facelo: 

    Lectura facilitada

    Nun programa de edición debes gardar o proxecto no seu formato propio.

    Ese formato garda todas as capas.

    Así podes seguir editando máis tarde.

    En GIMP o formato é .xcf.

    Para usar a imaxe fóra do programa tes que exportala.

    Ao exportar só queda a imaxe final.

    As capas pérdense.

    • Para fondo transparente usa .png.
    • Para fondo branco usa .jpg.

    No seguinte vídeo vese como exportar.

    Atréveste a facelo ti?

    Agora volve abrir os proxectos .xcf dos adestramentos anteriores e exporta:

    1. En formato .png as imaxes recortadas dos adestramentos 2 e 3.
    2. En formato .jpg a imaxe retocada dos adestramentos 4 e 5.

    Lectura facilitada

    Abre de novo os ficheiros .xcf.

    Exporta as imaxes:

    1. Exporta en .png as imaxes recortadas.
    2. Exporta en .jpg a imaxe retocada.

    Adestramento 7: Chega a animación

    Animación con 7 fotogramas en que aparecen, por esta orde; fariña e auga, masa, masa máis grande, forno, estatua de panadeira, torre do reloxo de Cea, pan de Cea, pan de Cea co símbolo de denominación de orixe Que é unha animación .gif?

    Na imaxe da esquerda podes ver un modelo de animación, na que hai unha secuencia de imaxes que se reproducen unha tras outra. Cando as imaxes forman parte dunha animación chámanse fotogramas.

    En GIMP, cada capa visible funciona como un fotograma. Poderás convertelas en animación de dous xeitos:  

    1. Todos os fotogramas duran o mesmo tempo.
      Só tes que exportar o proxecto como .gif mantendo visibles todas as capas.
    2. Cada fotograma dura un tempo diferente.
      Antes de exportar, debes engadir o tempo en milisegundos ao nome de cada capa. GIMP lerá esa duración e reproducirá cada fotograma co tempo que lle indiques.

    No seguinte vídeo podes ver todo o proceso paso a paso:

    Lectura facilitada

    Animación con varios pasos da elaboración do pan de Cea Que é unha animación .gif?

    Un GIF é unha imaxe en movemento.

    O movemento créase con varias imaxes seguidas.

    Cada imaxe chámase fotograma.

    En GIMP, cada capa visible é un fotograma.

    As capas poden converterse nun GIF.

    1. Todos os fotogramas duran o mesmo tempo.

      Exporta o ficheiro como .gif.

    2. Cada fotograma dura un tempo distinto.

      Escribe o tempo no nome da capa.

    No seguinte vídeo explícase como facelo.

    Atréveste a facelo ti?

    Agora tócache a ti facer unha animación. Escolle varias das imaxes coas que traballaches nos exercicios anteriores e ábreas como capas no mesmo ficheiro de GIMP. A continuación, crea un destes dous modelos de animación:

    1. Unha animación na que todos os fotogramas teñan a mesma duración.
    2. Unha animación na que cada fotograma teña unha duración diferente.

    Lectura facilitada

    Agora toca crear unha animación.

    Usa imaxes dos exercicios anteriores.

    Ábreas como capas en GIMP.

    Escolle unha opción: 

    1. Animación con todos os fotogramas iguais.
    2. Animación con tempos diferentes.

    Páxina 12 de 23

    Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

    Feito con eXeLearning (Nova xanela)