Conseguir imaxes para os deseños
Cando deseñamos un cartel, un logotipo ou unha imaxe dixital, moitas veces non partimos de cero. O máis habitual é empregar imaxes creadas por outras persoas —fotógrafas, ilustradoras ou deseñadoras profesionais— e adaptalas ao noso proxecto. Porén, igual que revisamos o formato e a resolución dunha imaxe para comprobar a súa calidade, tamén debemos comprobar os seus dereitos de uso. Non podemos coller imaxes de Internet ao chou: é necesario saber que permisos nos concede o autor ou autora e se a súa licenza permite utilizalas ou modificalas.
Cada imaxe está protexida por unha licenza que indica exactamente que podemos facer con ela e que non.
Creative Commons (CC)
As licenzas Creative Commons son unha forma sinxela de que as persoas autoras indiquen como se pode empregar a súa obra. Todas permiten o uso libre, pero con distintas condicións. Observa a imaxe para entender as condicións de uso: .png)
Dominio público
As imaxes de dominio público poden usarse libremente, sen pedir permiso nin citar o autor ou autora , aínda que é recomendable facelo por respecto ao seu traballo.
Copyright
Se unha imaxe non mostra ningunha licenza nin aviso, significa que está protexida por copyright. Isto quere dicir que non se pode copiar nin modificar sen autorización da persoa autora. A mellor opción nestes casos é buscar unha alternativa libre ou contactar coa persoa propietaria dos dereitos. Algunhas veces aparece o símbolo que figura a continuación: 
Lectura facilitada
Cando fas un cartel ou unha imaxe, adoitas usar imaxes doutras persoas.
Antes de usar imaxes, debes comprobar o formato, a resolución e tamén os dereitos de uso.
As imaxes teñen unha licenza que indica se se poden usar ou modificar.
Creative Commons (CC)
As licenzas Creative Commons indican como se pode usar unha imaxe.
Permiten usar a obra, pero con condicións.
Dominio público
As imaxes de dominio público pódense usar libremente.
Non é obrigatorio citar imaxes de dominio público, pero é recomendable.

Copyright
As imaxes con copyright non se poden usar sen permiso.
É mellor buscar outra imaxe libre.

