1.2. Deseñando un anuncio

 

Glosario

Píxel

Bonsai con tarro feito por píxeles

Definición:

É a unidade máis pequena dunha imaxe dixital que garda información da súa cor.

Exemplo:

Esta imaxe está debuxada por píxeles.

Produto de proximidade

Mapa de Galicia en cor vermello coas catro provincias delimitadas por unha liña negra

Definición:

Aqueles produtos que se producen ou apañan preto da zona de venda. Considéranse ecoloxicamente sostibles.

Exemplo:

En Galicia, as patacas, se son de orixe galega, son un produto de proximidade. 

Resolución

Pantalla LCD

Definición:

Cantidade de píxeles de ancho e de alto que ten unha imaxe ou unha pantalla.

Exemplo:

Unha imaxe de 50 x 50 píxeles é de baixa resolución.

A polo reto!

Xa vistes exemplos de publicidade e como esta pode axudar a promocionar produtos. Agora chega o momento de poñela en práctica nesta aventura gastronómica. O voso reto é crear un cartel publicitario animado dun alimento producido en Galicia, preferiblemente da vosa comarca ou vila, que anime a consumir produtos de proximidade, porque —como dirían as avoas— comemos polos ollos.

Requisitos/características do cartel:

  • Facer unha animación en formato GIF con, cando menos, un fotograma por persoa (mínimo 3).
  • Nos fotogramas haberá letras con efectos (movemento, cambio de tamaño ou cor, etc.) e debuxos ou fotos de alimentos que poden ter animación ou non.
  • A resolución será, cando menos, de 800 x 600 píxeles (px).
Animación na que os peixes van abandonando o plano para acabar entrando nunha lata de conservas de Vigo

Lectura facilitada

Agora tedes un reto.

O reto é crear un cartel animado.

O cartel será dun alimento de Galicia.

O cartel debe animar a consumir produtos de proximidade.

Requisitos do cartel:

  • O cartel será un GIF.
  • Haberá un fotograma por persoa.
  • O grupo terá mínimo 3 fotogramas.
  • Haberá letras con efectos.
  • Haberá fotos ou debuxos de alimentos.
  • A resolución será mínimo 800 x 600 píxeles.
Animación na que os peixes van abandonando o plano para acabar entrando nunha lata de conservas de Vigo

Os pasos

Que pasos tedes que seguir?

Persoa seleccionandoEscoller o alimento que ides promocionar

Teredes que escoller o alimento co que ides traballar. Máis abaixo explícase o procedemento recomendado. Terá que ser, preferentemente un alimento de proximidade.

Lupa aumentando unha follaBuscar recursos existentes

  • Buscar carteis (estáticos e dinámicos) asociados ao alimento por Internet, nos supermercados, en revistas, etc.
  • Comprobar os elementos de deseño asociados ao mesmo: imaxes, tipografía, etc.
  • Buscar fotos e debuxos asociados ao alimento, en distintos formatos.

Botón para copiar imaxes ao portapapeisAprender a usar ferramentas de edición de imaxe dixital

Facer as actividades da fase 3 cos programas GIMP e Inkscape.

Persoa debuxando as vistas dun obxectoDeseñar o cartel animado

  • Deseñar unha proposta de animación con imaxes e letras para anunciar o alimento.
  • Escoller unha tipografía (ou varias) aptas para o cartel.
  • Cada persoa do grupo fará cando menos un fotograma.

Frecha marcando movementoFacer as animacións

Xuntar os fotogramas de cada membro do equipo creando unha imaxe animada en bucle.

Frechas sinalando círculos vermellosFacer unha presentación grupal

Mostrar o resultado á persoa docente, explicando as decisións de deseño, os criterios técnicos, o reparto do traballo, etc.

A persoa docente avaliará o traballo cunha rúbrica (pode consultarse na fase 4).

Con todos os carteis de clase rematados, haberá unha posta en común de cada grupo coavaliada polo alumnado da aula (pode consultarse a rúbrica na fase 5).

Lectura facilitada

Que pasos tedes que seguir?

Persoa seleccionando Escoller o alimento

Escollede un alimento de proximidade.

Lupa aumentando unha folla Buscar exemplos

Buscade carteis e imaxes do alimento.

Observade imaxes e letras.

Botón para copiar imaxes ao portapapeis Usar programas

Aprendede a usar GIMP e Inkscape.

Persoa debuxando Deseñar o cartel

Deseñade a animación do cartel.

Cada persoa fará un fotograma.

Frecha de movemento Crear a animación

Xuntade os fotogramas nun GIF.

Frechas xuntando Presentar o traballo

Presentade o cartel á profesora ou profesor.

Explicade como o fixestes.

Comezamos!

A mensaxe do cartel debe transmitir orgullo polos alimentos da nosa terra, destacar a súa calidade e lembrar que mercando produtos locais tamén coidamos o medio ambiente e apoiamos ás persoas que viven do campo, do mar e da industria alimentaria galega.

O cartel levará imaxes e letras:

  • As imaxes poden baixarse de Internet ou adaptarse dalgún cartel xa feito.
  • As letras teredes que deseñalas vós, pensando no tamaño, na cor, na tipografía (tipo de fonte)...

A animación poderá aplicarse ás letras, ás imaxes ou a ambas.

Antes de escoller o alimento, convén coñecer os selos de calidade da Unión Europea (UE) que poden ter os alimentos máis importantes da nosa contorna.

Lectura facilitada

O cartel debe mostrar orgullo polos alimentos galegos.

O cartel debe destacar a calidade do produto.

O cartel debe lembrar que consumir local coida o medio ambiente.

O cartel debe apoiar ás persoas produtoras.

O cartel terá imaxes e letras:

  • As imaxes poden descargarse de Internet.
  • As imaxes tamén poden adaptarse doutros carteis.
  • As letras deben ser deseñadas polo grupo.

A animación pode aplicarse ás letras.

A animación pode aplicarse ás imaxes.

A animación pode aplicarse ás dúas cousas.

Antes de escoller o alimento, coñece os selos de calidade da UE.

Selos de Calidade da UE

Denominación de orixe (D.O.)

Un alimento ou produto agrícola con Denominación de Orixe (D.O.) protexida leva asociada unha garantía de calidade en tres aspectos: a produción, transformación e elaboración que asegura a súa orixe xeográfica. Grazas a esa garantía, os produtores teñen unha protección legal en caso de que outras zonas ou empresas queiran beneficiarse da calidade asociada ao nome do produto. Na actualidade existen decenas de D.O. en Galicia, sendo algunha delas: Ternera gallega, Lacón gallego, Capón de Vilalba, Queixo de Arzúa-Ulloa, Faba de Lourenzá, etc.

Indicación xeográfica protexida (I.X.P.)

A I.X.P. é similar á D.O. pero só garante que o produto ten unha orixe xeográfica determinada nunha das tres etapas: produción, transformación ou elaboración. Este selo ou garantía habitualmente implica facer unha conexión nos consumidores entre o produto e a súa zona (por exemplo, pementos de Padrón).

Lectura facilitada

Denominación de orixe (D.O.)

Un produto con D.O. garante calidade e orixe.

A D.O. controla produción, transformación e elaboración.

A D.O. protexe o nome do produto por lei.

En Galicia hai D.O. como Ternera gallega ou Queixo de Arzúa-Ulloa.

Indicación xeográfica protexida (I.X.P.)

Un produto con I.X.P. tamén ten orixe xeográfica.

A I.X.P. garante só unha etapa: produción, transformación ou elaboración.

A I.X.P. relaciona o produto coa súa zona.

Un exemplo son os pementos de Padrón.

Escoller o alimento a promocionar

Duración: 10 minutos Agrupamento: Pequeno grupo

O primeiro paso cara o reto é escoller o alimento da vosa contorna que ides promocionar. Reunídevos en grupo e comentade as seguintes cuestións:

  • Que alimentos dos que se producen na vosa contorna son máis famosos ou difundidos?
  • De que alimentos tedes (ou tivestes) empresas na vosa contorna (pode ser na comarca ou na provincia)?
  • As empresas da cuestión anterior son locais, nacionais ou internacionais?
  • Algún destes alimentos ten D.O. ou I.X.P.?

O ideal para escoller o alimento é que teña D.O. ou I.X.P., ou cando menos, exista unha empresa na vosa contorna que venda ese alimento. Así poderedes inspirarvos nos seus anuncios para o voso cartel.

A continuación, compartide a vosa elección co resto da aula.

Lectura facilitada

Duración: 10 minutos Agrupamento: Pequeno grupo

Agora toca escoller un alimento.

O alimento debe ser da vosa contorna.

  • Pensade que alimentos son máis coñecidos na zona.
  • Pensade se hai empresas dese alimento preto.
  • Mirade se esas empresas son locais ou grandes.
  • Comprobade se o alimento ten D.O. ou I.X.P.

É mellor escoller un alimento con D.O. ou I.X.P.

Así podedes inspirarvos nos seus anuncios.

Compartide a elección coa clase.

Preciso algún exemplo

  • Nas Rías Baixas son moi famosas as conservas, e hai moitos tipos e marcas para escoller (de sardiñas, de mexillóns...).
  • En Burela (norte de Lugo, A Mariña) é moi famoso o bonito.
  • En Cea, preto de Ourense, é moi famoso o pan de Cea, véndese en toda Galicia e ten o selo de I.X.P.

Lectura facilitada

  • Nas Rías Baixas son famosas as conservas.
  • En Burela é famoso o bonito.
  • En Cea é famoso o pan de Cea.

Cales son as metas do reto?

Unha vez teñas superado o reto, serás quen de:

  1. Crear e reelaborar contidos dixitais.
  2. Colaborar en grupo na creación de materiais dixitais.
  3. Distinguir tipos de ficheiros de imaxes e propiedades principais dos seus formatos.
  4. Importar e exportar correctamente distintos formatos de imaxes.
  5. Usar programas de manipulación de imaxes a un nivel básico.

Lectura facilitada

Ao rematar o reto, serás quen de facer isto:

  1. Crear contidos dixitais.
  2. Traballar en grupo con contidos dixitais.
  3. Recoñecer tipos de ficheiros de imaxe.
  4. Importar e exportar imaxes.
  5. Usar programas de edición de imaxes.

Páxina 4 de 23

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)