Facilidade coa que pode lerse e comprenderse un texto. O tipo de letra inflúe na lexibilidade dun texto.
Exemplo:
Os textos de cREAgal seguen criterios de lexibilidade.
Manuscrito
Definición:
Texto escrito a man. Non confundir coas letras cursivas, que son letras deseñadas para parecer manuscritas.
Exemplo:
Ese profe ten unha boa letra manuscrita, entendo ben o que escribe no encerado.
"Keep calm" e escolle a letra precisa
Como facer publicidade de éxito asegurado? É unha pregunta sen resposta (se a soubeses serías unha persoa multimillonaria). Analizar os anuncios de éxito pode axudarte a comprender que inflúe moito cumprir unha serie de requisitos técnicos de deseño, en especial en canto ao tipo de letras e imaxes seleccionadas.
Nos seguintes exemplos podes ver unha serie de consideracións sobre o tipo e o deseño das letras (chamadas fontes ou tipografías) que podes escoller para facer un cartel, atendendo a criterios como a lexibilidade (como se le de lonxe), o ton da letra (se ten personalidade ou é neutra) e o uso e a combinación das cores.
Lectura facilitada
Non existe unha fórmula segura para facer publicidade perfecta.
Analizar bos anuncios axuda a entender que funciona.
O deseño das letras e das imaxes é moi importante.
Audio
A lexibilidade das letras sen serifa
O seguinte famoso cartel é moi antigo, da II Guerra Mundial (1939). Foi "viralizado" en Internet, con miles de variantes, pero en xeral todas usan unha fonte, un tipo de letra (tamén chamada tipografía) moi lexible de lonxe. Estas tipografías están na categoría sans serif ou sans a secas (tamén chamadas de pau seco). En xeral, son letras moi neutras en canto ao ton, boas de ler pero para textos neutros, sen unha personalidade concreta.
Se quixeses utilizar unha fonte similar á do cartel podes probar con Gill Sans.
Letras manuscritas
O seguinte cartel é de Théophile Steinlen. Nel, o tipo de letras é manuscrita, o que lle da un ton máis familiar (pero precísase ter habilidade pintando ou rotulando).
Tamén se chaman letra manuscrita as fontes cursivas (ou itálicas), que imitan coa inclinación as letras feitas á man (exemplo de cursiva con este tipo de letra Atkinson).
Nos carteis anteriores á era dixital as letras tiñan un deseño a man, chamado lettering. Hoxe aínda son moi usadas polos deseñadores, pois valoran a súa autenticidade.
As fontes grosas
Neste cartel, un dos máis famosos a nivel histórico, o tipo de letra é chamada condensada e bold (grosa). É un tipo de letra que transmite contundencia na mensaxe.
Se quixeses imitala podes probar Franklin Gothic Demi Bold ou Franklin Gothic Heavy.
Fíxate en que as cores que recobren as letras son vermello e azul, coincidindo coas cores da bandeira dos EE.UU., o cal reforza a mensaxe do cartel.
Fontes simbólicas
Non sempre se usa unha letra profesional ou manuscrita. Ás veces un símbolo ou debuxo pode representar unha letra, como no seguinte cartel de IBM, onde o ollo en inglés lese parecido a I, a abella é similar ao B (bee) e logo vemos un M.
Letras con serifa
Se ves títulos ou carteis antigos en papel verás letras con serifa, tamén chamadas letras serif. Isto son os remates das letras que lle dan unha presenza máis distinguida e unha mellor lexibilidade en papel (os remates forman unha liña que axuda á lectura). Na era dixital usamos pouco este tipo de letras, pois a visualización en pantalla dos remates é peor. Neste cartel podes ler o nome do xornal con letras con serifa.
Cartelistas famosos
Deseñar carteis e tipografías é unha profesión moi valorada e necesaria nas empresas. Se queres dedicarte a iso existen varios ciclos de FP relacionados co deseño gráfico e algunhas carreiras de deseño nas universidades galegas.
Aquí vemos un bosquexo do famoso pintor galego Urbano Lugrís para anunciar Pescanova, unha das empresas de alimentos galega famosa no mundo enteiro.
Bosquexo para anuncio publicitario de Pescanova, 1972. Museo Massó (Bueu). Todos os dereitos reservados.
Lectura facilitada
Letras fáciles de ler
Este cartel usa unha letra moi clara.
A letra lese ben desde lonxe.
É unha letra sen serifa.
As letras sen serifa son neutras.
Letras manuscritas
Este cartel usa letras feitas a man.
As letras manuscritas parecen máis próximas.
Antes as letras facíanse a man.
Hoxe seguen usándose polo seu estilo.
Letras grosas
As letras grosas chaman máis a atención.
Transmiten forza na mensaxe.
As cores tamén reforzan a idea.
Letras con símbolos
Ás veces úsanse debuxos no canto de letras.
Os símbolos poden representar letras.
Letras con serifa
As letras con serifa teñen remates.
Usábanse moito en papel.
En pantalla vense peor.
Deseñadores e carteis
Deseñar carteis é un traballo profesional.
Hai estudos específicos de deseño.
Este é un bosquexo dun cartel galego.
Bosquexo para anuncio publicitario de Pescanova, 1972. Museo Massó (Bueu). Todos os dereitos reservados.
Audio
Consulta máis exemplos
Preme nesta ligazón para ver 12 anuncios míticos de comida que con toda seguridade coñecen os teus proxenitores e avós. Fíxate no tipo de letra utilizado nos anuncios e no nome da marca: todos intentan darlle unha personalidade escollendo o tipo de letra axeitado.
O tipo de letra axuda a dar personalidade á marca.
Antes de comezar, pregúntate
Antes de continuar, invítote a reflexionar sobre o mundo da publicidade. Fai memoria dos carteis de alimentos que lembres (do súper, da prensa, da rúa...) e pensa un pouco sobre eles, sobre a súa eficacia, cales son mellores e cales peores. Tamén podes preguntarlle á túa familia (se pode ser, aos teus avós) que anuncios lembran da súa infancia, cando menos unha frase (poden ser da tele, da radio ou impresos). A continuación, responde ás seguintes preguntas na Fase 1 do teu diario de aprendizaxe:
Que poden ter de especial eses anuncios que lembran os teus proxenitores e avós tanto tempo despois? (podes preguntarlles a súa opinión).
Como cres que inflúe o deseño dun cartel —o tipo de letra, as cores, as palabras empregadas…— en que lembres ese en concreto e non outro?
A parte do deseño, pensas que no éxito dunha publicidade concreta inflúen outros aspectos: medio de difusión, cartos gastados, período de difusión...?
Diario común: compara as respostas coas do teu grupo. Tedes respostas coincidentes?
Lectura facilitada
Agora toca pensar na publicidade.
Pensa en carteis de comida que lembres.
Pensa se eran bos ou malos.
Pregunta na túa familia que anuncios lembran.
Pregunta polo menos unha frase dun anuncio.
Responde ás preguntas no teu diario de aprendizaxe.