Ciberacoso

 

Glosario

Dismorfia

Pictograma dunha persoa cunhas tesoiras, un peine e maquillaxe

Definición:

É unha percepción distorsionada do propio corpo ou da propia imaxe, na que a persoa ve defectos que non existen ou os percibe de forma esaxerada.

Exemplo:

O seu amigo evita subir fotos ás redes derivado da dismorfia e a percepción negativa que ten do seu corpo.

Vulnerabilidade

Pictograma ARASAAC dunha persoa forte ao fondo e débil diante

Definición:

Debilidade nun sistema, dispositivo ou persoa que pode ser aproveitada para causar dano ou acceder a información sen permiso.

Exemplo:

Non actualizar o sistema operativo pode crear unha vulnerabilidade que permita a entrada de malware no equipo.

Que é o ciberacoso?

O ciberacoso é unha forma de acoso ou intimidación que se realiza empregando tecnoloxías dixitais, tales coma redes sociais, aplicacións de mensaxería, plataformas de xogo, entre outras. Caracterízase por ser un comportamento repetitivo no tempo e ter como finalidade atemorizar, molestar ou humillar a outra persoa. A continuación contas con diferentes tipos de ciberacoso e as diferentes pistas que che axudarán a identificar cando te atopes fronte a algún destes casos na investigación.

Desliza o rato por enriba das imaxes para descubrir os tipos de ciberacoso agachados en cada categoría.

``` ```

Lectura facilitada

O ciberacoso é unha forma de acoso na que se usan tecnoloxías dixitais.

Algunhas destas tecnoloxías son:

  • Redes sociais.
  • Aplicacións de mensaxería.
  • Plataformas de xogo.
  • Outras.

O ciberacoso repítese no tempo.

Busca facer dano a outra persoa.

O ciberacoso busca:

  • Atemorizar.
  • Molestar.
  • Humillar.

A continuación hai diferentes tipos de ciberacoso.

Tamén atoparás pistas para identificalos.

Estas pistas axudarante na investigación.

Desliza o rato por enriba das imaxes.

Así descubrirás os tipos de ciberacoso de cada categoría.

``` ```

Acoso ou intimidación directa

Este tipo de acoso prodúcese en diferentes canles dixitais como redes sociais, servizos de mensaxería instantánea ou, mesmo, videoxogos en liña. As persoas que acosan buscan prexudicar, ameazar ou exercer un control sobre a vítima. Existen diferentes xeitos de acoso e intimidación directa na rede: 

Ciberbullying no grupo de clase

O ciberbullying é o acoso entre iguais a través de medios dixitais de xeito continuo no tempo. Pode incluír insultos, burlas, ameazas ou publicación de material ofensivo sobre a vítima co fin de humillar. Xeralmente, este termo resérvase para o ciberacoso que ten lugar entre menores. 

Analiza as seguintes mensaxes do grupo de mensaxería instantánea de clase e busca indicios de ciberbullying deslizando o rato por enriba: 

Ciberstalking

O ciberstalking é unha forma de acoso baseada no seguimento e persecución continuada dunha persoa empregando medios telemáticos. A persoa acosadora monitoriza a actividade da vítima en diferentes plataformas e redes sociais; incluso pode chegar a contactar de maneira insistente ou invadir os seus espazos dixitais co fin de vixiar, controlar ou xerar medo na vítima.
Este comportamento caracterízase pola súa continuidade no tempo e a sensación de ameaza que provoca. Nalgúns casos, pode ir acompañado doutros delitos ou riscos, como o envío de mensaxes ameazantes, o acceso non autorizado ás contas da vítima para a obtención de información persoal ou situacións que deriven en casos de sextorsión, grooming ou doxing.

Hate ou discurso de odio na rede

O hate ou discurso de odio refírese á difusión de contido a través de medios dixitais que promove o odio, a violencia ou a discriminación contra unha persoa ou grupo baseándose en certas características como a relixión, sexo, orientación sexual, nacionalidade, etnia, diversidade funcional ou determinadas condicións persoais.
O hate pode producirse a través de comentarios, publicacións, mensaxes, imaxes ou vídeos que atacan a dignidade da vítima e fomentan a súa exclusión social.

Difúndese entre un grupo de persoas contido sobre a vítima co fin de humillala.

Insúltase á vítima, aumentando a humillación.

Burla e humillación da vítima.

As persoas acosadoras culpan á vítima do seu propio problema. Esta é unha estratexia frecuente mediante a que tratan de xustificar o seu acoso.

Insulto directo cara á vítima co fin de menosprezar e humillar.

Trata de apartar a vítima do grupo da clase, causando un illamento dixital.

Trata de illar e apartar do grupo a vítima, facéndolle sentir que a súa presencia molesta e contribuíndo así ao illamento social desta persoa.

Lectura facilitada

Este tipo de acoso pode aparecer en diferentes espazos dixitais como:

  • Redes sociais.
  • Aplicacións de mensaxería.
  • Videoxogos en liña.

As persoas que acosan buscan facer dano á vítima.

Poden querer:

  • Prexudicar.
  • Ameazar.
  • Controlar.

Existen diferentes formas de acoso directo na rede.

Ciberbullying no grupo de clase

O ciberbullying é o acoso entre persoas da mesma idade.

Faise a través de medios dixitais.

Repítese no tempo.

Inclúe:

  • Insultos.
  • Burlas.
  • Ameazas.
  • Difusión de contido ofensivo.

O seu obxectivo é humillar a vítima.

Xeralmente ocorre entre menores.

Agora, analiza as seguintes mensaxes.

Desliza o rato por enriba para atopar indicios.

Ciberstalking

O ciberstalking é un tipo de acoso continuado.

A persoa acosadora segue a vítima pola rede.

Observa o que fai en diferentes plataformas.

Esta persoa pode:

  • Enviar mensaxes de forma insistente.
  • Invadir os seus espazos dixitais.
  • Vixiar e controlar a vítima.

Este acoso repítese no tempo.

Provoca medo na vítima.

Nalgúns casos tamén pode incluír:

  • Ameazas.
  • Acceso ás contas.
  • Outros delitos dixitais.

Hate ou discurso de odio

O hate é o discurso de odio na rede.

Consiste en publicar contido que promove:

  • O odio.
  • A violencia.
  • A discriminación.

Diríxese contra unha persoa ou grupo.

Basease en características como:

  • Relixión.
  • Sexo.
  • Orientación sexual.
  • Nacionalidade.
  • Etnia.
  • Outras condicións persoais.

Pode aparecer en:

  • Comentarios.
  • Mensaxes.
  • Imaxes.
  • Vídeos.

Este contido ataca a dignidade da vítima.

Tamén pode provocar a súa exclusión social.

Que facer ante o Ciberbulling

No seguinte vídeo contas con algunhas medidas que podes tomar no caso de seres vítima de ciberbullying

Este tipo de situacións poden ter un forte impacto emocional na vítima, afectando a súa autoestima e a percepción da súa propia imaxe, podendo derivar en problemas como a dismorfia. Alén diso, tamén poden xerar ansiedade, illamento social e dificultade nas relacións co seu contorno.

Lectura facilitada

Este tipo de situacións poden afectar moito a persoa.

Teñen un forte impacto emocional.

Poden afectar a:

  • Autoestima.
  • Forma de verse a si mesma.

Isto pode provocar problemas como:

  • A dismorfia.
  • Ansiedade.
  • Illamento social.
  • Dificultades nas relacións con outras persoas.

Chantaxe sexual

Na contorna dixital existen prácticas a través das que as persoas ciberacosadoras buscan manipular a vítima para obter contidos de carácter sexual, diñeiro ou beneficios persoais, aproveitándose da súa vulnerabilidade. Nestas chantaxes emprégase material de carácter sexual para exercer presión e control sobre a vítima.

Este tipo de situacións adoita producirse a través de redes sociais, aplicacións de mensaxería instantánea ou videoxogos en liña, mediante as que a persoa acosadora contacta coa vítima e gaña a súa confianza.

Lectura facilitada

No mundo dixital existen prácticas perigosas.

Nalgunhas delas, as persoas buscan manipular a vítima.

O seu obxectivo pode ser:

  • Conseguir contidos de carácter sexual.
  • Conseguir diñeiro.
  • Obter beneficios persoais.

Para conseguilo, aproveitan a vulnerabilidade da vítima.

Usan chantaxes para exercer presión.

Moitas veces empregan contidos de carácter sexual.

Con iso intentan controlar á vítima.

Estas situacións adoitan ocorrer en:

  • Redes sociais.
  • Aplicacións de mensaxería.
  • Videoxogos en liña.

A persoa acosadora contacta coa vítima.

Pouco a pouco gaña a súa confianza.

Na rede, existen diferentes tipos de chantaxe sexual, entre os que se distinguen: 

Sextorsión

A sextorsión é unha forma de violencia sexual e extorsión na que a persoa acosadora ameaza a vítima con difundir contidos íntimos se non cumpre coas súas esixencias, que adoitan ser o envío de máis material íntimo ou a realización de pagos.

En moitas ocasións, o material íntimo obtívose inicialmente a través do sexting, é dicir, unha práctica que consiste no envío voluntario de contidos íntimos. Porén, este material pode ser empregado posteriormente sen consentimento e derivar nun caso de sextorsión.

A continuación, tes un exemplo. Desliza o rato por enriba e atopa os indicios de que estás ante un caso de ciberacoso.

Chat privado

hoxe

Pero dixeches que iso quedaba entre nós e as borrabas no momento!

Non, por favor… non fagas iso. Calquera cousa, menos iso!

Indica que a persoa agresora conserva contido íntimo e comprometido da vítima.

Recoñece que non eliminou ese contido e agora utilízao para manter control sobre a vítima.

Ameaza con difundir o contido íntimo nun espazo próximo á vítima para intimidala.

Ameaza con difundir o contido a amizades ou persoas coñecidas, o que aumenta a presión emocional e o dano potencial sobre a vítima.

Exixe máis contido íntimo, algo característico da sextorsión.

Impón urxencia para impedir que a vítima pense, pida axuda ou corte o contacto.

Promete non difundir o contido se a vítima obedece, reforzando a extorsión e o control sobre ela.

Grooming

O grooming é un proceso no que unha persoa adulta contacta cun menor a través de medios telemáticos co obxectivo de gañar a súa confianza, manipulalo e establecer unha relación de proximidade. Ao longo deste proceso busca obter información persoal ou contidos íntimos que son utilizados para exercer chantaxe sexual ou incluso tentar acordar encontros presenciais.

Contacta a partir dun vídeo publicado pola vítima para iniciar a conversa de xeito que pareza natural.

Preséntase cunha idade similar á da vítima para que lle sexa máis fácil intimar.

Procura manter a conversa nun espazo máis privado, sen ser visible para outras persoas.

Pide que non se lle conte a ninguén para illar á vítima e evitar que busque axuda ou sexa aconsellada por outras persoas.

Solicita imaxes persoais de carácter sexual.

Usa a confianza e a intimidade aparente como chantaxe emocional para que a vítima a acceda.

Propón quedar en persoa, pero en segredo, unha situación de risco típica do grooming.

Lectura facilitada

Na rede hai distintos tipos de chantaxe sexual.

Entre eles están os seguintes:

Sextorsión

A sextorsión é unha forma de violencia sexual.

Nela, a persoa acosadora ameaza a vítima con difundir contidos íntimos.

Faino para que a vítima cumpra as súas esixencias.

Esas esixencias adoitan ser:

  • Enviar máis contido íntimo.
  • Facer pagos.

Moitas veces, ese material íntimo obtívose antes mediante sexting.

O sexting é o envío voluntario de contidos íntimos.

Pero ese material pode usarse despois sen permiso.

Isto pode acabar nun caso de sextorsión.

A continuación tes un exemplo.

Desliza o rato por enriba e busca os indicios.

Chat privado

hoxe

Pero dixeches que iso quedaba entre nós e as borrabas no momento!

Non, por favor… non fagas iso. Calquera cousa, menos iso!

Grooming

No grooming, unha persoa adulta contacta cun menor por internet.

O seu obxectivo é gañar a súa confianza.

Despois busca manipulalo e crear unha relación de proximidade.

Ao longo dese proceso pode intentar conseguir:

  • Información persoal.
  • Contidos íntimos.

Ese material pode usarse despois para chantaxe sexual.

Ás veces tamén intenta conseguir un encontro presencial.

Difusión de información privada

Durante a túa investigación forense, poden aparecer casos nos que se produza un uso indebido da información persoal extraída dos equipos informáticos. Na contorna dixital existen prácticas nas que se difunden datos, imaxes ou conversas privadas sen o consentimento da vítima, o que supón unha violación da súa privacidade. Estas situacións poden ter lugar en redes sociais, aplicacións de mensaxería ou outras plataformas, onde a información pode compartirse rapidamente e chegar a un gran número de persoas, aumentando o impacto do dano. 

Entre este tipo de ameazas, é importante mencionar as seguintes, das que podes ver os indicios deslizando o rato por enriba dos exemplos: 

Doxing

O doxing consiste en revelar información persoal dunha persoa na rede sen o seu consentimento, incluíndo datos identificativos ou sensibles (dirección, teléfono...). A persoa acosadora busca expoñer a vítima, intimidala ou exercer presión sobre ela.

Foro en liña do Concello

@Anónimo234

Por certo, xa vin que vives en rúa Creagal, nº 18… bonito sitio. Tamén sei que traballas no Concello, non si? Por iso non che interesa que saia esta información á luz.

@Anónimo234

Se segues así, tamén podo publicar o teu número e redes… ti verás! Así todo o mundo saberá quen eres.

Intimidación da vítima a través dunha ameaza coa que trata de evitar que interveña no foro.

Revela un dato persoal sensible, como é o enderezo, sen consentimento da persoa afectada.

Expón publicamente información sobre o lugar de traballo da vítima, facilitando a súa identificación.

Ameaza con difundir información persoal para intimidar á vítima.

Ameaza coa publicación de máis datos persoais sensibles como é o número de teléfono.

Mostra intencións de continuar facilitando datos que permitan a identificación pública da vítima.

Outing

O outing, definido dun xeito estrito, é a revelación pública da orientación sexual dunha persoa sen o seu consentimento coa finalidade de humillala. Porén, dun xeito máis amplo, este termo tamén se emprega para a revelación de segredos ou conversacións privadas. Constitúe unha violación da intimidade.

Ameaza de revelación de información privada sen consentimento.

Difunde información sobre a orientación sexual da vítima sen o seu consentimento.

Lectura facilitada

Algúns problemas están relacionados co uso da información persoal.

Ás veces, esta información úsase de forma incorrecta.

No mundo dixital, hai prácticas perigosas.

Por exemplo, compartir datos, imaxes ou conversas privadas.

Isto unha violación da súa privacidade, cando se fai sen permiso da persoa afectada.

Isto pode pasar en:

  • Redes sociais.
  • Aplicacións de mensaxería.
  • Outras plataformas dixitais.

A información pode compartirse moi rápido.

Pode chegar a moitas persoas.

Isto fai que o dano sexa maior.

Existen diferentes tipos destas ameazas.

Podes ver exemplos a continuación.

Pasa o rato por enriba para descubrir as pistas.

Doxing

O doxing é a publicación de información persoal na internet.

Faise sen permiso da persoa afectada.

Poden ser datos como:

  • Enderezo.
  • Teléfono.
  • Outros datos persoais.

A persoa atacante busca:

  • Expor a vítima.
  • Intimidala.
  • Exercer presión sobre ela.

Foro en liña do Concello

@Anónimo234

Por certo, xa vin que vives en rúa Creagal, nº 18… bonito sitio. Tamén sei que traballas no Concello, non si? Por iso non che interesa que saia esta información á luz.

@Anónimo234

Se segues así, tamén podo publicar o teu número e redes… ti verás! Así todo o mundo saberá quen eres.

Outing

O outing é revelar información privada.

Faise sen permiso da persoa.

De xeito estrito refírese a revelar a orientación sexual.

Dun xeito máis amplo, tamén inclúe:

  • Conversas privadas.
  • Outros segredos persoais.

Isto é unha violación da intimidade.

Informe forense: hardware e software

Desde o punto de vista da ciberseguridade forense, o ciberacoso non só afectan ás vítimas, senón que tamén ten consecuencias sobre os equipos informáticos que utilizan, tanto a nivel de software como de hardware.

Lectura facilitada

O ciberacoso non só afectan ás vítimas.

O ciberacoso tamén ten consecuencias sobre os equipos informáticos.

Ten consecuencias tanto a nivel do software como do hardware.

Pantalla dun ordenador cun documento de texto abertoNo caso do software, o impacto céntrase nas contas de usuario, nas aplicacións e nos servizos dixitais que emprega a vítima. Moitas destas ameazas implican o acceso a perfís en redes sociais, aplicacións de mensaxería ou outros servizos en liña, o que pode provocar un uso indebido das contas, a suplantación de identidade ou a difusión de contidos sen consentimento. Ademais, en casos como o ciberstalking ou o grooming, existe unha recollida continua de información persoal, que pode chegar ao acceso non autorizado a conversas, arquivos ou contidos privados.

Lectura facilitada

No software, o impacto afecta a diferentes partes.

Afecta ás contas de usuario.

Tamén ás aplicacións e aos servizos dixitais.

Moitas destas ameazas permiten acceder a contas de:

  • Redes sociais.
  • Aplicacións de mensaxería.
  • Outros servizos en liña.

Isto pode provocar problemas como:

  • Uso indebido das contas.
  • Suplantación de identidade.
  • Difusión de contidos sen permiso.

Nalgúns casos, como o ciberstalking ou o grooming, o problema é maior.

Pode haber unha recollida continua de información persoal.

Isto pode permitir acceder sen permiso a:

  • Conversas.
  • Arquivos.
  • Contidos privados.

Pictograma de compoñentes de hardware: torre, encamiñador, microchip...En canto ao hardware, o impacto adoita ser indirecto, pero igualmente importante desde o punto de vista forense. Dispositivos como a cámara, o micrófono ou os sistemas de localización poden ser utilizados para obter información da vítima sen o seu coñecemento.

Lectura facilitada

O impacto no hardware adoita ser indirecto.

Pero tamén é importante.

Poden utilizarse diferentes dispositivos para obter información da vítima.

Algúns exemplos de dispositivos son:

  • A cámara.
  • O micrófono.
  • Os sistemas de localización. 

Como podes protexerte?

Acoso ou intimidación directa

Liña de axuda 017

Ola, estás a contactar coa liña de axuda en ciberseguridade. Cóntame que está a pasar.

Levo varios días recibindo insultos e ameazas nun grupo. Tamén se burlan de min nas redes.

Entendo. O primeiro paso é non responder as mensaxes nin entres na provocación.

Teño que borrar o grupo ou as mensaxes?

Primeiro, garda probas: capturas de pantalla, nomes, datas e ligazóns.

Despois, bloquea as contas e utiliza as opcións de denuncia da propia plataforma.

Revisa tamén a privacidade das túas contas e limita quen pode escribirche, ver o teu perfil e as túas publicacións.

E se segue pasando?

Non o ocultes nin esteas ti só. Fala cunha persoa adulta de confianza ou, se é preciso, solicita axuda das autoridades.

Chantaxe sexual

Liña de axuda 017

Ola, grazas por contactar. Explícame brevemente a situación para poder orientarte.

Un perfil dime que, se non lle envío fotos íntimas, vai compartir unha conversa privada.

Non envíes ningún contido. É importante non ceder á presión nin ás ameazas.

E se xa ten información miña? Xa lle dixen quen era.

Garda as probas que teñas: mensaxes, perfil, nome de usuario e calquera ameaza ou petición que che fixese.

Despois, corta o contacto, bloquea a conta e denúnciaa na aplicación ou na rede social onde se produciu.

Tamén debes revisar que información persoal tes visible nas túas contas e reducir a exposición.

Teño que denunciar eu directamente?

Nós podemos orientarte, pero a denuncia formal debe facerse polos canais correspondentes. Pide axuda de inmediato a unha persoa adulta de confianza ou ás autoridades competentes, segundo o caso.

Difusión de información privada

Liña de axuda 017

Ola, comentabas que estaban compartindo información privada na rede. Dime que tipo de información. 

Nun grupo están reenviando o teléfono, fotos e outros datos persoais dunha persoa sen permiso.

É importante que non participes na difusión nin reenvíes ese contido, aínda que outras persoas o estean facendo.

Que debería facer entón?

Garda probas, por exemplo capturas de pantalla, nomes de usuario e ligazóns.

Despois, denuncia a publicación ou o perfil na plataforma para solicitar a retirada do contido.

Se a información difundida é túa, tamén debes revisar a configuración de privacidade e limitar quen pode ver ou descargar contidos persoais nas túas redes.

E se o contido xa o viu moita xente?

É importante actuar canto antes e frear a difusión. Debes denuncialo na plataforma. Busca apoio en persoas adultas de confianza e valora solicitar axuda especializada se es a persoa afectada.

Recordas a liña de axuda 017?

O 017 é a liña de axuda en ciberseguridade de INCIBE, un servizo gratuíto e confidencial que ofrece asesoramento especializado ante problemas relacionados coa seguridade dixital.

Está dirixido á cidadanía en xeral, menores, familias, profesorado e empresas, e permite resolver dúbidas ou recibir orientación ante situacións como o ciberacoso, a suplantación de identidade, a difusión de contidos privados, o malware ou as ciberestafas.

Podes poñerte en contacto coa liña de axuda do INCIBE a través dos seguintes medios:

Chamada Teléfono 017
Whatsapp 900 116 117
Telegram @INCIBE017
Web Formulario web na páxina do INCIBE (Abre en nova xanela)
Horario  De 8:00 a 23:00

Lectura facilitada

O 017 é unha liña de axuda en ciberseguridade.

Esta liña é do INCIBE.

É un servizo gratuíto e confidencial.

Ofrece axuda en problemas de seguridade dixital.

Está dirixido a moitas persoas:

  • Cidadanía en xeral.
  • Menores.
  • Familias.
  • Profesorado.
  • Empresas.

Serve para resolver dúbidas e pedir axuda en situacións como:

  • Ciberacoso.
  • Suplantación de identidade.
  • Difusión de contidos privados.
  • Malware.
  • Ciberestafas.

Podes contactar co 017 de varias formas:

Chamada Teléfono 017
WhatsApp 900 116 117
Telegram @INCIBE017
Web Formulario web do INCIBE
Horario De 8:00 a 23:00

Caderno forense dixital

Duración: 15 minutos  Agrupamento: parellas

No segundo capítulo do voso manual forense debedes recoller os tipos de ciberacoso que coñecedes cunha lista de indicios identificativos, así como o hardware e software que pode estar afectado. Debedes incluír:

Capítulo 2 do manual forense: ciberacoso

Pictograma dunha persoa cun texto debaixo ao que lle faltan as letrasNome do tipo de ciberacoso

Debedes incluír todos os tipos de ciberacoso analizados ata o momento, clasificados segundo os tres grupos vistos anteriormente.

Pictograma dunha lista con 5 elementosLista de indicios

Fixádevos en cada un dos exemplos anteriores e nas pistas que aparecen en cada caso ao deslizar o rato por enriba das diferentes mensaxes. Creade unha lista de comprobación para cada tipo de ciberacoso, a cal vos servirá como guía na investigación da seguinte fase.

Pictograma dun ordenador Hardware e software comprometido

Facede unha listaxe do hardware e software que pode estar comprometido no caso do ciberacoso. Dado que é similar en todos os tipos, podedes facer unha listaxe común a todos eles, sen repetila en cada tipo.

Lectura facilitada

Duración: 15 minutos Agrupamento: parellas

No segundo capítulo do voso manual forense debedes:

  • Escribir os tipos de ciberacoso que coñecedes.
  • Os sinais que axuden a identificar cada tipo.
  • Indicar que hardware e software pode estar afectado.

Debedes incluír o seguinte:

Capítulo 2 do manual forense: ciberacoso

Nome do tipo de ciberacoso

Incluíde todos os tipos de ciberacoso vistos ata agora.

Organizádeos nos tres grupos que xa coñecedes.

Lista de indicios

Observade os exemplos anteriores.

Fixádevos nas pistas que aparecen nas mensaxes.

Creade unha lista de comprobación para cada tipo de ciberacoso.

Esta lista axudaravos na seguinte fase.

Hardware e software comprometido

Facede unha lista do:

  • Hardware afectado.
  • Software afectado.

Como é similar en todos os casos, podedes facer unha lista común.

Non é necesario repetila en cada tipo.

Páxina 19 de 29

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0

Feito con eXeLearning (Nova xanela)