Somos moitos e moi variados os organismos que convivimos no planeta Terra: pensa nunha árbore, unha miñoca, un mosquito… A simple vista, parece que somos moi diferentes entre nós. E sabes que? Tampouco chegamos ao planeta ao mesmo tempo. Con todo, ao longo destas páxinas descubrirás que, curiosamente, non somos tan distintos como parece.
Para iso, propoñémosvos o seguinte reto:
Seguramente cerca do instituto ou na túa localidade hai un espazo natural cheo de vida e historia. Agora tendes a oportunidade de coñecelo, protexelo e compartir a súa importancia cos demais. Invitámosvos a deseñar, en equipo, un calendario da biodiversidade exemplificado nun espazo natural. Para logralo debedes pensar en aspectos clave: que seres vivos habitan alí? Como os clasificarías? De que se alimentan? Que estratexias teñen para sobrevivir no seu ecosistema?
Deixa voar a túa imaxinación mentres aprendes sobre a biodiversidade e as características dos seres vivos!

Pensa sobre as seguintes cuestións co teu grupo sobre a vida, concretamente , sobre a gran diversidade que existe neste planeta. Logo escribe as respostas obtidas no bloque 1 do teu diario de aprendizaxe.