Sabes que é un xeoparque?
Un xeoparque é un territorio que posúe un patrimonio xeolóxico de relevancia internacional e cun alto valor para o coñecemento da historia da Terra. Esa é unha das súas características, pero hai máis. E é que os xeoparques son tamén figuras de xestión que buscan conservar, difundir e valorar a riqueza xeolóxica como base para o desenvolvemento sostible das zonas onde se sitúan.
O termo adecuado para un xeoparque é Xeoparque Mundial da UNESCO, xa que é esta organización das Nacións Unidas a que outorga o recoñecemento, sempre que se realice unha solicitude previa e se cumpran certos requisitos:
- Un territorio xeograficamente cohesionado, con formacións xeolóxicas singulares e que ofreza atractivo visual e contido para os visitantes.
- Unha entidade xestora que implemente unha estratexia integral que promova a conservación dos recursos, así como a investigación, educación, turismo e desenvolvemento social e económico.
- Realizar accións para resaltar a xeoloxía, fomentando a participación cidadá e adoptando un enfoque de abaixo cara arriba.
- Dispoñer de recursos financeiros adecuados para levar a cabo o plan de acción, co apoio de empresas e organizacións locais ou directamente.
Investiga máis sobre o tema na páxina web do Xeoparque Cabo Ortegal
